San Lourenzo de Verdillo é unha parroquia que se localiza no leste do concello coruñés de Carballo, na comarca de Bergantiños.

Historia Durante o Antigo Réxime, Verdillo é considerada unha parroquia de señorío, posto que os dereitos tributarios e xudiciais pertencían á nobreza. Tradicionalmente, a parroquia estivo baixo o señorío da Casa das Mariñas, formando parte da xurisdición da Torre de Cillobre. As poxas entre casas nobiliarias por facerse co seu señorío fixeron que, a mediados do século XVI, os herdeiros dos Mariñas llo venderan aos Bermúdez de Castro da Casa dos Montaos, pasando a depender da casa que estes tiñan en Silván (Coristanco). A finais de século, o señorío regresa aos descendentes dos Mariñas, xa na que será a Casa de Oca en Erboedo (A Laracha).

Así mesmo, en Verdillo estaba o cárcere e a audiencia da Xurisdición Real de Bergantiños, da que dependían as parroquias de reguengo (é dicir, aquelas dependentes xudicialmente da coroa).

A parroquia de Verdillo esténdese ao longo da estrada que a cruza (DP-1904) e que, en tempos pasados, foi o camiño real que unía A Coruña con Fisterra. Foi a principal vía de comunicación coa cidade herculina até que, a partir do século XVIII, a vila de Carballo comezou a medrar en sona grazas ao seu balneario de augas termais, o que levou á construción dunha nova estrada, a actual AC-552, que se fixo pasar polo centro da vila.

Coa promulgación da Constitución de Cádiz en 1812, proponse que as xurisdicións señoriais sexan substituídas por concellos constitucionais. Verdillo queda encadrado no Concello de Sofán, composto polas parroquias da súa contorna. Con todo, as posteriores restauracións do absolutismo aboliron estes concellos, polo que realmente só estiveron vixentes durante o Trienio Liberal (1820-1823).

Tras a morte de Fernando VII en 1833, o réxime liberal establécese definitivamente en España. A creación do Partido Xudicial de Carballo (1834) fai que o edificio de audiencia e cárcere de Verdillo perda a súa función, e en 1836 a parroquia de Verdillo intégrase no recentemente creado Concello de Carballo.

Durante séculos, celebrouse nesta parroquia e na veciña de Artes, ao pé do camiño real, a que chegou ser a feira máis importante da antiga provincia da Coruña. Na estrada entre Carballo e Ordes (AC-413) atópase a aldea da Feira de Verdillo, que se refire aos tempos nos que se celebrou a feira. Pese á oposición do barrio e dos párrocos de Sofán, Artes e Verdillo, a feira trasladouse en 1941 a Carballo.

Cara a finais do século XX, a forte implicación veciñal propiciou a construción de infraestruturas ao longo da parroquia e a creación de asociacións que dinamizan na actualidade a vida parroquial.

Toponimia A grafía do topónimo Verdillo flutuou ao longo da historia debido a que é de etimoloxía e significado escuros. Nos textos máis antigos, do mosteiro de Soandres (A Laracha), de principios do século XV, aparece como Uerdillo (1410) ou indistintamente como Verdillo ou Berdillo (1419). Nestes documentos móstrase a confusión no uso destas letras, o que demostra que está a cambiar o sistema fonolóxico: na Idade Media as dúas letras distinguían fonemas diferentes, pero a estas alturas xa se estaban a confundir as pronuncias de [b] (bilabial) e [v] (labiodental), o que se denomina betacismo. Daquela, os escribas pasan a grafar con B palabras que etimoloxicamente debían ter V, pero non á inversa

Nos séculos seguintes houbo vacilacións entre B e V (sobre todo no XVI e no XVII), dependendo moito dos cregos ou dos escribáns que redactaban. Así e todo, a escolla do V empezou a ser maioritaria no século XVIII (posiblemente, pola asociación semántica coa palabra verde). No entanto, esta relación non está demostrada, dado que non é clara a orixe etimolóxica da última parte do topónimo, -illo.

No século XIX virouse un pouco, tanto no mundo eclesiástico como nos nomenclátores oficiais da segunda metade, a favor da forma Berdillo. No entanto, malia que oficialmente se escribise con B, dende o último terzo do XIX, a única forma rexistrada nos libros e asociacións parroquiais foi Verdillo.

A Real Academia Galega elaborou un informe onde se analiza a presenza do topónimo en textos notariais medievais, libros pertencentes ao arquivo da parroquia, cartografía histórica e outros documentos. Neste informe, presentado en maio de 2022, propónselle á Xunta de Galicia o cambio do topónimo oficial á forma Verdillo debido ás atestacións gráficas históricas e do uso común da grafía con V entre a veciñanza. Este cambio formalizouse no 2026 coa actualización do Nomenclátor de Galicia.

Patrimonio No centro de Verdillo está a Igrexa de San Lourenzo (inaugurada no ano 1932). Orixinalmente constaba dunha única nave, con tribuna de madeira e un longo presbiterio que correspondía ao templo anterior. En 1951 engádenselle dúas capelas laterais para aumentar o seu espazo interior, polo que pasa ser un templo de cruz latina. A última modificacións faráselle en 1979, cando se lle engade o pórtico lateral.

No seu interior conserva tres retablos. O maior, de estilo neoclásico, obra de Laureano Cao Cornido, do segundo terzo do século XIX, que preside o patrón San Lourenzo, unha talla da mesma época. E dous laterais, de estilo barroco, da segunda metade do século XVIII: o de San Roque, situado na parte esquerda, e o do Carme na parte dereita.

Diante da igrexa existe un cruceiro obra dun santeiro (canteiro de santos).

A parroquia conta cun centro social que se atopa preto da igrexa de San Lourenzo (cuxa construción se estendeu dende o ano 1989 até o 2007) e que é empregado polas asociacións da parroquia.

Demografía Segundo o IGE, Verdillo contaba con 974 habitantes (473 homes e 501 mulleres) no ano 2025, distribuídos en 27 entidades de poboación. É unha parroquia densamente poboada (a 5º do municipio), debido a súa proximidade a Carballo.

Asociacións A parroquia de Verdillo destaca pola forza do seu amplo movemento veciñal, cultural e deportivo. Compre salientar as seguintes asociacións:

Agrupación Cultural Arume: Creada en 1982, desenvolve actividades culturais como o baile e a música tradicional. Neste eido, ten grupos de baile, cantareiras e gaiteiros cos que realiza diversas actuacións. Ten como obxectivo contribuír á promoción e difusión da animación socio cultural, salvagardar o patrimonio tradicional galego e favorecer a cooperación entre distintas entidades culturais. Asociación Xuvenil Arume: Fundada en 1985, ten o obxectivo de promover o asociacionismo xuvenil no medio rural, fomentando o desenvolvemento comunitario e a participación da xuventude na vida social, política e cultural e contribuíndo á formación integral da mocidade. Asociación de Veciños San Lorenzo de Verdillo: É un ente que agrupa dende o ano 2006 a unha meirande parte dos verdilleses coa finalidade principal de mellora da parroquia e organización de actividades de interese xeral. Consello Parroquial de Verdillo: Constituído no 2016, é unha ferramenta posta en marcha polo Concello de Carballo que fomenta a participación dos veciños e veciñas nos asuntos da parroquia. Sociedad Deportiva San Lorenzo de Verdillo: Equipo de fútbol fundado no ano 1978 que ten equipo sénior, veteranos e xuvenís. Unión Democrática de Pensionistas de Verdillo: Naceu no 2002 e está dirixida a pensionistas e xubilados desta parroquia. A entidade dedícase á organización de viaxes culturais, cursos de ximnasia ou clases de bailes de salón para dinamizar o tempo de lecer dos seus socios.

Lugares e parroquias Lugares de Verdillo

Parroquias de Carballo

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Carballo

Ligazóns externas Verdillo na web do concello de Carballo

Categoría:Parroquias de Carballo Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Lourenzo