Un indicador ordinal é un signo que se coloca tras un número para indicar que debe ser interpretado coma un ordinal e non un cardinal. Historicamente formouse a partir da última letra ou grupo de letras do nome do ordinal que representa, polo que a tipografía utilizada varía de acordo co idioma.

Uso

Galego, portugués, castelán e italiano Nestas linguas os signos empregados son º para o xénero masculino e ª para o feminino.

Número cardinal Número ordinal masculino Número ordinal feminino 1 (un) 1º (primeiro) 1ª (primeira) 2 (dous) 2º (segundo) 2ª (segunda) 3 (tres) 3º (terceiro) 3ª (terceira) 10 (dez) 10º (décimo) 10ª (décima) 100 (cen) 100º (centésimo) 100ª (centésima)

En castelán tamén se empregan 1.er (“primer”) e 3.er (“tercer”) para representar as formas apocopadas de "primero" e "tercero".

Convén sinalar que o signo de ordinal masculino º é confundido frecuentemente co símbolo de grao, que, en troques, é °. Isto débese a que en moitas fontes os dous signos son case idénticos. Non obstante, en xeral, poden recoñecerse pola forma: mentres que o símbolo de grao é unha circunferencia uniforme, o índice ordinal pode ser ovalado ou elíptico, e ademais nalgunhas fontes a letra 'o' pode aparecer subliñada.

Con todo, para evitar confusións, o portugués e o castelán prescriben a colocación dun punto entre o número e o indicador ordinal: 1.º (primeiro), 2.º (segundo), 3.º (terceiro) etc.

Francés Os sufixos utilizados no francés, que se colocan en forma sobrescrita sempre que é posible, son:

-er para o número 1 se o obxecto cualificado é masculino (p. ex. : 1er — premier) -re para o número 1 se o obxecto cualificado é feminino (p. ex. : 1re — première) -e ou -ème para todos os outros números (p. ex. : 2e ou 2ème — deuxième)

Para o número 2 tamén existen as formas masculina 2nd, a partir de second, e feminina 2nde, a partir de seconde.

Inglés

En inglés utilízanse as seguintes combinacións de letras:

-st para os números terminados en 1 (p. ex. : 1st; 21st) -nd para os números terminados en 2 (p. ex. : 2nd; 22nd) -rd para os números terminados en 3 (p. ex. : 3rd; 23rd) -th para os números terminados en 11, 12 ou 13, que fan excepción ás regras anteriores, e para todos os demais (p. ex. : 11th ; 12th; 13th; 24th; 25th; 111th; 112th; 113th).

Por influencia do francés, estas letras acostumaban empregarse no pasado en forma sobrescrita (p. ex. : 2nd, 34th) mais hoxe en día prevalece a colocación na liña de base do texto.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Ordinal (gramática) Grao

Categoría:Símbolos Categoría:Puntuación