Ramiro "Miro" Pereira Ríos é un personaxe de ficción da serie de televisión galega Pratos combinados emitida pola TVG entre 1995 e 2006. Foi interpretado polo actor Ernesto Chao e é considerado un dos personaxes máis populares da ficción televisiva galega. Xunto co personaxe de Antón Santos (Antonio Durán "Morris"), apareceu como protagonista nos 261 episodios que conforman a serie.

Descrición Miro Pereira é o propietario do Bar Suízo, un establecemento situado nunha pequena vila galega ao que regresou xunto coa súa familia tras emigrar a Suíza. Casado con Balbina Santos, é pai de Rosalía e Migueliño. As tramas da serie céntranse nas situacións cotiás que vive no bar e nos numerosos plans que idea, habitualmente xunto ao seu cuñado Antón Santos, para conseguir cartos con pouco esforzo ou evitar traballar.

O personaxe caracterízase polo seu carácter avarento, lacazán, retranqueiro e algo inxenuo, aínda que tamén amosa un fondo humano que contribúe ao seu ton humorístico. Entre os seus trazos máis lembrados están a súa peculiar forma de atender a clientela, as súas extravagantes "especialidades culinarias" e o uso constante de alcumes e expresións populares.

Personaxes relacionados Balbina Santos (Mabel Rivera) é a súa muller. Non ten moita confianza nel, e sempre desconfía cando Miro argalla algo con Antón. Posteriormente abandona o bar Suízo para marchar a Baiona para montar un restaurante coa súa filla Rosalía.

Antón Santos é o irmán de Balbina e, por tanto, o cuñado de Miro. A diferenza de Miro, é moito máis sagaz, sobre todo á hora de argallar plans para sacar cartos. Ao igual que Miro o insulta cos nomes anteriormente mencionados, Antón tamén o insulta con nomes como "pailán". Ao final dos episodios, acostuma acabar perseguido por Miro, con intención de golpealo por fracasar nos seus plans.

Carmen Ríos (Fely Manzano) é a nai de Miro Pereira, á cal ten en alta estima. Miro adora as súas empanadas, recoñecidas por todos. Aínda que ao principio vivía con Miro, posteriormente foi vivir a unha casa na aldea ela soa.

Relevancia cultural Miro Pereira converteuse nun dos personaxes máis recoñecibles da televisión en Galicia. O éxito de Pratos combinados, unha das series máis lonxevas da TVG, fixo que o personaxe pasase a formar parte do imaxinario popular galego, sendo frecuentemente citado como un exemplo da comedia de situación producida en Galicia.

Tras o falecemento de Ernesto Chao en 2018, numerosos medios e institucións culturais lembraron especialmente a súa interpretación de Miro Pereira como o papel máis emblemático da súa carreira televisiva.

Notas

Categoría:Personaxes da televisión Categoría:Televisión de Galicia