El Correo de Celanova foi un periódico editado en Celanova entre 1893 e 1895.
Historia e características Subtitulado Periódico semanal, apareceu o 11 de setembro de 1893. Editábase os domingos e constaba de catro páxinas. O seu director, principal redactor e responsable, foi Luciano Meleiro Tejada, presidente da Unión Republicana de Celanova, substituído ás veces por Leopoldo Seoane. Tivo unha breve interrupción entre agosto de 1894 e febreiro de 1895 cando o seu director foi procesado por "supuesto delito de lesa majestad", e logo absolto. Cambiou o seu subtítulo por Semanario republicano. De clara tendencia republicana, tivo boas relacións con El Derecho e moi malas cos medios carlistas como La Lealtad de Valentín de Nóvoa. Publicou colaboracións de Francesc Pi i Margall e Emilio Castelar e textos de Victor Hugo. Nos seus editoriais pronunciouse pola idea da "redención social por medio de la democracia republicana" e abordou temas como a divulgación do novo socialismo, as causas do anarquismo, a emancipación da muller, o caciquismo rural, a necesidade da instrución pública, a crítica da usura e da emigración e a guerra de Marrocos, ademais da crítica da Monarquía e a defensa constante da República. Imprentábase no taller ourensán de Antonio Otero.
Prestou moita atención a Manuel Curros Enríquez, que tamén colaborou con algunhas prosas. Os textos en galego son moi escasos e os poemas publicados eran de autores non galegos (como Enrique Torno Ballester e Eulogio Jurado Fernández), e de carácter político e satírico. Editou 68 números, cesando a súa publicación o 12 de maio de 1895. Foi substituído por La Discusión.
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Lista de publicacións impresas da provincia de Ourense Ligazóns externas Marcos Valcárcel (20/7/2008). "Curros en ‘El Correo de Celanova’ (I)" El Correo Gallego.
Categoría:Prensa escrita de Celanova Categoría:1893 en Galicia Categoría:Prensa republicana