miniatura|Sillobre en 1945. Fotografía feita dende O Revolto. Santa Mariña de Sillobre é unha parroquia do concello de Fene, na provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2024 tiña 1.091 habitantes (550 mulleres e 541 homes), 195 menos ca en 1999. Ten 31 entidades de poboación e unha superficie de 9,74 km², a máis extensa das oito parroquias que conforman o municipio.

Historia e patrimonio A primeira mención documental coñecida da parroquia de Sillobre remóntase ao ano 1100. Neste documento, recóllese un litixio entre as dioceses de Santiago e Mondoñedo pola posesión do arciprestado de Bezoucos, no cal se menciona a "Xoan", párroco de Sillobre, e a Ordoño de Fene. Este feito indica que xa no século XII Sillobre contaba cunha estrutura eclesiástica establecida, o que reflicte a súa relevancia na organización relixiosa e territorial da época.

No 1601 é o primeiro ano no que se teñen novas sobre o número de persoas que habitaban na parroquia; en total había "40 fregueses", que máis ou menos, viñan a ser 200 persoas. No século XVII a parroquía do actual concello de Fene era a que máis habitantes posuía. As referencias que se teñen das parroquías de: San Estevo de Perlio "10 feligreses"; Divino Salvador de Fene "25 feligreses"; Santiago de Barallobre "20 feligreses" e Divino Salvador de Maniños "31 feligreses".

O topónimo Sillobre, segundo Henrique Dacosta, está formado por dúas raíces Sill- que procede do nome persoal latino Silius/Sillius ou do substrato céltico (galo) sil/-is `ocre´, `prixel silvestre´; e -obre: procedente do céltico *bhrgh `altura fortificada como cidadela de refuxio´,`castro´, (>*brig-s>-brix>-bre).

O Patrimonio da parroquia é o seguinte:

Igrexa de Santa Mariña de Sillobre: Este templo barroco do século XVII, de planta en cruz latina, destaca polo seu retablo maior dourado e o seu campanario coroado por unha cúpula semiesférica. É un dos principais referentes arquitectónicos da parroquia.

Fábrica de papel do Carballal: No século XIX, Sillobre acolleu unha importante fábrica de papel propiedade de Nicasio Taxonera. Esta industria aproveitaba as augas do río Belelle e chegou a empregar unhas 20 persoas. O papel producido empregouse, entre outros usos, para imprimir a "Historia de Galicia" de Benito Vicetto. Mámoa do Coto do Rei no monte Marraxón: Mámoas agrupadas en dous conxuntos no monte Marraxón. En total suman uns 19 túmulos. As súas medidas oscilan entre os 3 e 5 metros de diámetro, a maior situada no lugar de "O Couto do Rei". Estas mámoas erguéronse hai uns 5.500 anos. Trátase de construcións líticas que naceron cun fin estritamente funerario; hoxe serven como elemento de sinalización topográfica. O máis característico é que esta mámoa en Sillobre pódese ver dun xeito doado e atópase nun lugar privilexiado. O lugar é un miradoiro, dende onde se poden observar as rías da Coruña, Betanzos, Pontedeume, e por suposto a Ría de Ferrol, ademais dos montes de Narón e Valdoviño. Fonte dos Mouros: É un elemento patrimonial e lendario situado na parroquia de Sillobre, no concello de Fene (A Coruña). Trátase dunha fonte de orixe descoñecida, posiblemente vinculada a algunha antiga construción relixiosa da zona. Destaca pola súa estrutura singular: presenta un lintel pentagonal cunha cruz gravada e unha pequena xanela pola que mana a auga. No chan, atópase un sarcófago de granito antropomorfo, o que lle confire un carácter enigmático e simbólico. A Fonte dos Mouros forma parte do patrimonio cultural e etnográfico de Galicia, sendo un exemplo das fontes tradicionais que se atopan ao longo do Camiño Inglés a Santiago. A súa denominación suxire unha conexión coas lendas dos mouros, seres mitolóxicos do folclore galego e portugués, asociados a lugares antigos e misteriosos. A lenda recollida por María Rivera no libro "Sillobre ven de antigo" relata que un mouro foi visto no interior da fonte, dentro da pequena xanela situada no muro posterior. Esta visión alimenta a crenza de que o lugar está encantado e que agocha segredos do pasado. O Castro de Orra: É un asentamento castrexo situado na parroquia de Sillobre, no concello de Fene (A Coruña), que reflicte a intensa ocupación humana da zona durante a Idade de Ferro. Cruceiro de Ameneiro: Do século XIX, é un dos elementos relixiosos máis destacados. Capela de San Marcos: Situada no lugar do mesmo nome. Antes de existir esta, temos noticias de que a capela principal do lugar estaba sita no lugar do Belelle, ao lado da casa señorial da Familia Piñeiro, esta era a Capela de San Xiao [Desaparecida na actualidade]. Tradición e festas

Santa Mariña e Virxe do Carme: Do 18 ao 19 de xullo con misas, procesións e verbenas populares. Festividade de San Ramón: Celebrada anualmente o 31 de agosto e 1 de setembro, esta festa mantén viva unha tradición con varios séculos de antigüidade na parroquia. Encontro das Lavandeiras: Dende o ano 2015, Sillobre celebra este evento que homenaxea ás antigas lavandeiras, con recreacións históricas, obradoiros e música tradicional. Romaría de San Marco e San Telmo: No lugar de San Marco o 25 de abril. Sardiñada Popular: En xullo, a parroquia celebra no atrio da igrexa de Santa Mariña, organizada pola Asociación de Veciños. O evento inclúe degustación de sardiñas con cachelos, pan e viño.

Cultura

Sociedade Unión Recreativa de Sillobre O primeiro "Casino" que se creo na parroquia estaba situado nun local contruído no solar que o señor Francisco Anca (Paco), mercara ao volver de Cuba, onde estivera por mor da emigración. Este lugar acolleu a chamada "Sociedade Unión Recreativa de Sillobre". Era un local social no que a celebración de bailes estaba á orde do día, sendo o máis populares os "Bailes da Piñata" e os de "San Xosé". Neste local existía unha radio, que era a única de Sillobre neses intres.

No ano 1936, por mor do comezo da Guerra Civil española, o local foi clausurado, levando a Garda Civil todo o que nel se atopaba (radio, libros...) para o concello.

A xente que ía a el anteriormente continuara acudindo a este lugar, porque ao lado do local, o xenro de Francisco Anca, o señor Marcelo Galdo, levantou unha zapataría, que sería durante uns anos o punto clave de reunión para a mocidade.

Zapatería de Marcelo A Zapatería de Marcelo abriu as súas portas pouco antes dos anos 50. Foi alí onde, no mes de outubro de 1968, os mozos da parroquía comenzaron a falar para construirén unha nova "Sociedade" en Sillobre. Ao mesmo tempo foi un lugar onde enviaban a súa correspondencia os rapaces que ían facer o servizo militar fóra da comarca.

S.C.R.D. Agarimo miniatura|Colocación da primeira pedra do Local Social No mes de novembro do ano 1968 tivo lugar a primeira xuntanza, no desaparecido Bar Casa Doro, para concretar as bases. E a través de distintas reunións, chegouse a un acordo sobre o nome, escudo, estatutos... que conformarían o futuro Casino, e a principios de 1969 quedou constituída a Comisión Xestora. O 6 de abril dese mesmo ano é cando se fundou a Sociedade Agarimo, por iniciativa de veciños comprometidos coa dinamización da parroquia. Entre os impulsores destacaron persoas como Galdo Fachal (1º Presidente da Sociedade). O obxectivo era crear un espazo que fomentase a participación veciñal e o desenvolvemento de actividades culturais, recreativas e deportivas.

O 19 de abril de 1969, a xunta decide alugar un local no Souto (antiga carpintería dos Vilares) a Fernando Saavedra por cinco anos para instalar alí a Sociedade. Acórdase facer certas reparacións, adquirir libros e legalizar a entidade. Na xuntanza do 18 de xullo de 1969, fíxase a data do 3 de agosto para a inauguración oficial do local. Xa o día 4 de xaneiro de 1970, acórdase realizar xestións para a adquisición de terreos para un campo de fútbol, así como a formación dun grupo de teatro e dunha rondalla, sendo elixido o día 18 de xaneiro de 1970 Andrés Picallo como director do Grupo de Teatro, e Manuel Rodríguez (Lolito o Rubio) e Antonio Villanueva (Tucho) como directores da Rondalla. A actividade neste tempo é importante, celebrándose bailes, conferencias, o Día das Letras Galegas, campionatos de dominó, entroidos, etc. Todo isto a pesar das reducidas dimensións do local.

Data memorable foi o 5 de xuño de 1977, xa que se colocou a primeira pedra do Local Social e, por fin, chegou o día máis agardado por todas as persoas que formaban parte da sociedade: o 18 de marzo de 1984 inaugurouse o novo Local Social, no que pasaron a celebrarse todas as actividades da entidade.

Ao longo dos anos, o local social de Sillobre converteuse nun espazo clave para a vida comunitaria da parroquia, ofrecendo numerosos servizos para os seus socios. Alí chegaron a ofertarse, entre outros, un ximnasio, rutas cicloturísticas, ceas-baile, sala de informática, unha biblioteca, unha sala de xogos, grupos de gaitas, corais de canto, teatro infantil e de adultos, sesións de cine no verán e campionatos de tute e dominó. Tamén dispoñía dun bar-cafetería, xestionado nun inicio pola propia asociación, que completaba esta oferta de lecer e servizos.

Durante as décadas dos 80 aos anos 10, o local gozou dunha gran vitalidade e participación veciñal, froito da boa organización e implicación dos veciños responsables da súa xestión. Con todo, co paso do tempo e a xestión das derradeiras directivas, a actividade foi minguando. Isto provocou que o local permanecese pechado durante algúns períodos, abríndose unicamente en momentos moi puntuais do día.

Os obxectivos principais da S.C.R.D. Agarimo foron:

Defender a cultura galega. Promover actividades recreativas, educativas e artísticas. Fomentar a participación social.

E as figuras máis destacadas da SCRD Agarimo son:

Juan J. Galdo Fachal (Presidente Fundador) Tomás Corral Miraz (Promotor cultural) Andrés Picallo Maceiras (Promotor cultural, dramaturgo e director teatral amador galego) Julio López Allegue (Presidente e promotor cultural) Alberto Doce Sueiras (Presidente e promotor cultural) Juan López Allegue (Presidente e promotor cultural) Carmen Ramos Ansede (Primeira muller Presidenta) Demetrio Sixto Mauriz (Presidente e doctor)

Tenda de Cupeiro Foi outro centro de reunión da xente do lugar. Abriu as súas portas a principios da década dos 50. Era unha tenda-bar á que os veciños ían xogar a partida, parolar, ler a prensa... miniatura|279x279px|Salón Galicia

Salón de Baile de Sillobre O día 25 de abril de 1936 inaugurouse o "Salón Galicia". Este edificio de estilo indiano destaca pola súa planta rectangular e sinxela volumetría. A súa fachada presenta ventás rectangulares dispostas simetricamente, e a cuberta a dúas augas está rematada con tella curva. Durante as primeiras décadas do século XX, o salón funcionou como un espazo de reunión e lecer, promovendo actividades similares ás dos casinos da época. Era habitual que os veciños de Sillobre e das parroquias próximas se xuntaran alí para gozar de bailes e eventos sociais.

Durante a posguerra e os anos seguintes os bailes en Sillobre eran un dos poucos momentos de lecer para a mocidade. O salón funcionaba como un centro social alternativo ás festas relixiosas, con actuacións de orquestras locais, grupos de gaitas ou músicos da comarca. Os bailes eran normalmente os domingos, festas patronais ou datas sinaladas (como o Entroido). No ano 1950, é dicir 14 anos despois o salón foi adaptándose: instaláronse equipos de son, mellorouse a iluminación e celebrábanse tamén sesións de cine, reunións veciñais e incluso asembleas da acabada de crear asociación veciñal Agarimo.

Tamén foi espazo de festas xuvenís, discotecas móbiles e incluso pequenos concertos. Co tempo, os costumes foron mudando, xurdiron discotecas nas vilas próximas (como Fene, Perlío ou Ferrol), e o salón de baile foi perdendo uso. Finalmente, moitos dos seus usos foron trasladados ao local social de Agarimo, máis moderno e polivalente. O edificio quedou en desuso ou reconvertido, dependendo do período.

Escolas de Sillobre