Julio Sanz Martín, nado na Coruña o 24 de xaneiro de 1901 e finado en Bergondo o 23 de outubro de 1936, foi un practicante galego.

Traxectoria Ingresou na Mariña como voluntario aos 19 anos. Aos 20, obtivo o título de practicante e, aos 23, praza de Auxiliar 2º de Sanidade no Hospital da Mariña de Ferrol, onde traballou, así como no de Cartaxena, en diferentes etapas da súa vida profesional, alternando con períodos embarcado en varios navíos da Armada Española. Acadou o grao de alférez de fragata.

Colaborou como profesor na Escola Racionalista de Ferrol, de ideoloxía libertaria .

En 1934, foi procesado por indicios de adhesión á folga xeral revolucionaria de Outubro. Dous deses indicios, o folleto "La Anarquía" e dúas cartas dirixidas á súa muller nas que manifestaba o desexo de que triunfase a Revolución, foron incautados nun rexistro do seu domicilio de Ferrol, estando el embarcado no Cruceiro Méndez Núñez en Matagorda (Cádiz). O terceiro indicio foi a súa colaboración como profesor na Escola Racionalista de Ferrol.

En 1935, revogouse esta causa e ditouse novo auto de procesamento por insulto a un superior, recollido noutra das cartas á súa muller. Julio Sanz chamoulle "Gran Canalla" a Ramón de Carranza, deputado en Cortes polo partido ultraconservador monárquico Renovación Española e contraalmirante na reserva, porque tiña amarrados barcos pesqueiros da súa propiedade, construídos no estranxeiro, sen dar traballo con eles nin aos mariñeiros nin aos estaleiros españois, malia realizar este deputado declaracións nas Cortes en favor da clase obreira.

Non chegou a celebrarse o consello de guerra porque, en virtude do Decreto-lei de amnistía de febreiro de 1936, os feitos polos que o encausaron foron considerados como políticos e o procedemento sobresido definitivamente en marzo dese ano. Porén, non lle restituíron o seu posto de traballo. Con todo, logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, encerrárono no cárcere da Coruña, de onde o "sacaron" para entregalo a elementos armados fascistas o 22 de outubro de 1936. O seu cadáver apareceu ao día seguinte nunha gabia de Tatín (Ouces, Bergondo). Foi soterrado no cemiterio desa parroquia mercé á insistencia dos veciños, que se opuxeron ferreñamente á negativa do cura a darlle terra. En 1951, a súa viúva conseguiu autorización para trasladar os seus restos ao cemiterio de Santo Amaro da Coruña, onde repousan desde entón.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Represión franquista en Galicia Ligazóns externas

Categoría:Asasinados polo bando nacional en Galicia Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1901 Categoría:Finados en 1936