Luis Montestruc Rubio, nado en Tardienta en 1868 e finado en Biescas en 1897, foi un xornalista, escritor e político español, fundador do periódico zaragozano Heraldo de Aragón.
Biografía Fillo dun terratenente fabricante de xesos da localidade oscense de Tardienta, a súa biografía encóntrase marcada polo seu decidido sentido republicano e as súas temperás inclinacións literarias. Ingresou con quince anos como xornalista no Diario de Avisos debido á amizade do seu pai con Calixto Ariño, o seu fundador. Nel traballaría ata 1894, data na que funda e dirixe La República ("órgano de todos os republicanos"), publicación de vida efémera.
Dirixiu La ilustración aragonesa (1888), publicación na que colaboraron, entre outros, Leopoldo Alas "Clarín", Labastida, Berned, Faustino Sancho y Gil, Florencio Jardiel, Mariano de Cavia, Marcos Zapata, Marceliano Isábal, Luis Ram de Viu, Luis Royo Villanova, Mariano de Pano y Ruata e outros intelectuais da época. Participaría tamén en La defensa regional (1893) con Leopoldo Romeo e Juan Pedro Barcelona.
O 20 de setembro de 1895 apareceu o primeiro número do Heraldo de Aragón, xornal fundado por Montrestuc na cidade de Zaragoza e que se definía como órgano estritamente informativo, de carácter liberal e independente de vinculacións políticas.
Enfermo de gravidade, vendeu o 2 de novembro de 1896 o diario ao seu amigo e antigo compañeiro en Diario de Avisos, Antonio Motos Martínez, se ben seguiu figurando nominalmente como director ata a súa morte, por tuberculose, no seu retiro de Biescas, aos 29 anos de idade.
Como político, foi fundador do Partido Republicano Centrista, deputado provincial na corporación de Zaragoza e polo distrito de Tarazona-Borja. Orador brillante, poeta e dramaturgo, estreou con éxito en Zaragoza o drama "Blanca".
Véxase tamén
Bibliografía Artigo dedicado a Luis Montestruc Rubio na Gran Enciclopedia Aragonesa Bruned Mompeón, M.: «Luis Montestruc Rubio, fundador de Heraldo de Aragón»; Heraldo de Aragón, 12-X-1967.
Categoría:Xornalistas de Aragón Categoría:Políticos de Aragón Categoría:Nados en Tardienta Categoría:Nados en 1868