San Cristovo de Couzadoiro é unha parroquia do concello coruñés de Ortigueira, na comarca do Ortegal. Segundo o padrón municipal de 2009 tiña 152 habitantes (82 homes e 70 mulleres) distribuídos en 23 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 229 habitantes.

Xeografía Couzadoiro está situada na parte oriental do concello no curso medio do río Baleo e na aba occidental da Serra da Faladoira, do coto de Roca e dos montes do Burgo. Limita ao norte con San Salvador de Couzadoiro, dende o Coto polo rego de Montecalvelo até o coto de Vilariño; polo leste os altos da Faladoira son linde co concello de Mañón dende o coto de Vilariño até Xuncos de Mouraz; polo suroeste o rego de Xuncos de Mouraz, afluente do Baleo, sepáraa da parroquia dos Devesos, e polo oeste limita coa parroquia de Cuíña no monte da Penouseira.

Dende a estrada AC-682 na Ponte do Baleo, parte outra que leva até Os Devesos e que atravesa a parroquia polo alto de Corbelle. Tamén atravesa esta parroquia outra estrada que une a mesma Ponte do Baleo con Mañón por Montecalvelo e o alto do Foxo.

O río Baleo, duns 14 quilómetros, forma un val ao que van dar gran cantidade de regos e regatos de certa importancia, polo que vai recibindo distintos nomes ao longo do seu curso. Na parte alta chámaselle o río das Mestas, máis abaixo é o río Grande, e xa preto da enseada de Ladrido onde desemboca, coñécese coma Baleo.

Patrimonio A igrexa parroquial de San Cristovo, á beira do rego de Meixonfrío, é un templo de certa amplitude; de planta de cruz latina con cinco pequenos altares, un dos cales é de estilo churrigueresco. Venérase nesta igrexa unha imaxe da virxe do Loreto, que deu lugar a unha romaría moi popular hoxe practicamente esquecida.

Seguindo este mesmo rego até a súa unión co Baleo, no lugar da Veiga está o pazo da Torre. Alí mesmo hai tamén unha ponte pola que pasaba o camiño real de Ortigueira a Viveiro até que se construíu a finais do século XIX a estrada da Costa, desde Liñares (Neda) a Viveiro, pasando por Ortigueira e O Barqueiro, onde se construíu unha ponte.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de San Cristovo de Couzadoiro

Parroquias de Ortigueira

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Ortigueira

Categoría:Parroquias de Ortigueira Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Cristovo