Santa María das Neves é unha parroquia que se localiza no sur do concello coruñés de Ortigueira, na comarca de Ortegal. Segundo o INE, en 2025 tiña 51 habitantes (27 homes e 24 mulleres), distribuídos en 22 entidades de poboación, o que supón unha diminución con respecto a 2011, cando tiña 89 habitantes e con respecto a 1999, cando tiña 159 habitantes.

Xentilicio O seu xentilicio é nevento.

Xeografía As Neves está situada no extremo sueste do concello, na vertente occidental da Serra da Faladoira, que acada nesta parroquia os 700 metros de altitude. Limita ao norte e ao nordeste coa parroquia dos Devesos nos cumes de Tracela e Toxeiro, Muro do Vasco e A Panda; polo leste os altos da Faladoira son linde co concello de Mañón, polo sur linda coa parroquia do Freixo, e finalmente o regato San Pedro, afluente do Pulgueira sepáraa da parroquia de Insua e o regato de Santa Mariña, tamén afluente do Pulgueira, sepáraa da parroquia do Ermo polo oeste.

A estrada de Ortigueira-As Pontes, atravesa a parroquia no seu lado leste, polos lugares do Muro do Vasco, Panda e Panda da Serra.

Percorren esta parroquia tres regatos de sueste a noroeste: o Rego dos Sapos, o Corvite e o San Pedro, que val abaixo dan lugar ao río Pulgueira.

Patrimonio A igrexa parroquial das Neves é unha antiga ermida na honra de Nosa Señora das Neves, que foi ampliada cando se creou esta parroquia.

Lugares e parroquias Lugares das Neves

Parroquias de Ortigueira

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Ortigueira

Categoría:Parroquias de Ortigueira Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María