Os organótrofos son os organismos que utilizan compostos orgánicos como doantes de electróns e hidróxenos no seu metabolismo enerxético. Este tipo de metabolismo denomínase organotrofia. O contrario de organótrofo é litótrofo, organismo que obtén os seus equivalentes electrónicos de substancias inorgánicas. Non hai que confundir organótrofo con heterótrofo, xa que a heterotrofia refírese ao modo de obter carbono para as biosínteses, que nos heterótrofos procede de substancias orgánicas (nos autótrofos procede do CO2). De todos modos, moitos organótrofos son tamén heterótrofos.M. T. Madigan, J. M. Martinko, J. Parker. Brock - Biología de los Microorganismos. 10ª edición. Pearson-Prentice Hall. Páxina 130. ISBN 84-205-3679-2
Os organótrofos que fan a respiración aerobia oxidan substancias orgánicas das que extraen electróns, que os coencimas levan á cadea de transporte electrónico e acaban no oxíxeno (aceptor final), á vez que xeran unha forza protón motriz que orixina a produción de ATP. Outros son fermentativos. Hai organótrofos procariotas que poden realizar a respiración anaerobia de substratos orgánicos utilizando como aceptor final de electróns unha substancia distinta do oxíxeno; deses substratos orgánicos proceden os equivalentes electrónicos utilizados (pero se o que "respiran" son substratos inorgánicos serían litótrofos en vez de organótrofos).
Certas bacterias fotosintéticas que non utilizan auga como doante de electróns na súa fotosíntese, senón compostos orgánicos denomínanse fotoorganótrofas. Os animais, fungos, protozoos e a maioría das bacterias son quimioorganótrofos.
Notas
Categoría:Metabolismo