O Antoinette Perry Awards for Excellence in Theatre ou máis comunmente Premio Tony, é o nome do premio que recoñece ás obras do teatro de Broadway. Entrégao a American Theatre Wing nunha cerimonia anual na cidade de Nova York. As regras para os premios Tony establécense en "Rules and Regulations of The American Theatre Wing's Tony Awards" e son considerados o maior premio dado no teatro dos Estados Unidos, equivalente ao Oscar no cinema, o Grammy na música e o Emmy na televisión. O premio vótao un grupo de aproximadamente 700 xuíces das distintas áreas da industria do entretemento e da prensa.

Historia O premio creouse en 1947 por un comité da American Theatre Wing encabezado por Brock Pemberton. O nome do premio lembra a actriz e directora Antoinette "Tony" Perry, fundadora da American Theatre Wing falecida en 1946.

A primeira cerimonia de entrega tivo lugar o 6 de abril de 1947, no hotel Waldorf Astoria de Nova York.. Desde 1967 a entrega é retransmitida por televisión.

Críticas Polas características especiais dos Tony, moitos críticos suxeriron que estes premios son principalmente un vehículo de promoción para un reducido número de grandes empresas de produción e donos de teatros da cidade de Nova York.

Para recibir unha candidatura, unha obra de teatro ten que estrearse nun dos 39 teatros do distrito de Broadway en Manhattan durante o último ano. A causa de que moitas obras de éxito quedan no mesmo teatro ano tras ano, nun ano típico tan só 20 ou 25 obras son candidatas e como hai 27 categorías, a maioría das novas obras reciben candidaturas.

Ao limitarse os premios ao circuíto de Broadway a maioría das obras de teatro profesionais dos Estados Unidos non poden ser candidatas, independentemente da súa calidade. A única excepción á regra é o Premio Tony ao Mellor Teatro Rexional, que pode recibir calquera teatro profesional do país.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Premios Tony

Categoría:Premios teatrais Categoría:Premios dos Estados Unidos de América