Santa María de San Claudio é unha parroquia que se localiza no concello de Ortigueira. Segundo o IGE en 2013 tiña 471 habitantes (253 mulleres e 218 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 655 habitantes.

Xeografía Está situada na beira sur da ría de Ortigueira, nun amplo val que descende dende os montes do Espiño, Sixto, A Croa, Armada e o coto de Punxas e remata no mar. Linda polo norte coa ría de Ortigueira dende un regato que descende ao mar en Carballo de Boi, até a enseada da Roncadoira, polo leste limita coa parroquias de Senra, polo sur o regato das Areas e o de Carelle sepárana da parroquia do Ermo e polo oeste linda coas parroquias de Mera de Arriba e Mera de Abaixo. A estrada AC-862 cruza a parroquia bordeando a ría polos lugares da Fonte, Tristimil, A Rocha, A Tronqueira e Carballo de Boi. En paralela a estrada xeral e moi preto dela, vai a vía de FEVE, que conta nesta parroquia cun apeadoiro.

Patrimonio A moderna igrexa parroquial na honra de San Claudio está no lugar da Feira, ten planta de cruz latina e ao seu carón queda o cemiterio parroquial. Tamén no lugar da Feira consérvanse os restos das antigas casetas do campo da feira, de sona ata ben entrado o século XX.

Hai dúas pequenas ermidas nesta parroquia, unha no lugar de Axilde na que se celebraba unha romaría de moita sona na comarca, e outra no lugar da Escola, na honra de santa Lucía, coñecida tamén pola capela da sarna.

Preto do cruzamento da AC-862 coa estrada da Feira érguese un centro escolar de indianos, chamado Centro de Instrucción polos seus promotores, os emigrantes en Cuba, que posteriormente foi escola pública e actualmente está convertido en local social municipal.

No lugar do Hospital atópase o Pazo dos Barreiros, que no século XVII funcionou como hospital de peregrinos, tan comúns por aqueles tempos para dar acollida as xentes que ían a Santiago de Compostela e a Santo André de Teixido que hoxe está convertido en granxa.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de San Claudio

Parroquias de Ortigueira

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Ortigueira

Categoría:Parroquias de Ortigueira Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María