Haris Medunjanin, nado en Saraxevo (RFS de Iugoslavia) o 8 de marzo de 1985, é un exfutbolista bosníaco nacionalizado neerlandés. Xogaba de mediocentro e foi 60 veces internacional coa selección de Bosnia e Hercegovina, coa que disputou o Mundial de 2014.
Traxectoria
Primeiros anos Nacido en Saraxevo, a guerra de Bosnia obrigouno a deixar o país aos 7 anos, acompañado de súa nai e súa irmá, mentres seu pai permanecía no país. Despois de cinco anos en Dinamarca, onde comezou a xogar ao fútbol nas rúas, a familia instalouse en Ámsterdam, capital dos Países Baixos, onde se reuniron co pai, aínda que este acabou regresando enfermo pouco despois a Bosnia, onde faleceu.
AZ Alkmaar Xogou nas categorías inferiores do Swift Atletiek, o AFC'34 e o AZ Alkmaar, debutando co primeiro equipo deste último na Eredivisie o 20 de febreiro de 2005, con 19 anos, nun partido ante o Roda JC. Xogou dous partidos máis esa tempada e 13 na seguinte, na que anotou 3 goles e repartiu 4 asistencias ás ordes de Van Gaal, ademais de debutar na Copa da UEFA.
Para a tempada 2006/07 foi cedido ao Sparta de Rotterdam, onde se asentou como titular, sumando 7 goles e 4 asistencias en 32 partidos. De regreso no Sparta contou con poucas oportunidades durante a tempada 2007/08.
Valladolid No verán de 2008 fichou polo Real Valladolid, despois de deixar marabillado ao entón director deportivo do club español, Roberto Olabe, nunha visita aos Países Baixos. Debutou na Primeira División na segunda xornada da tempada 2008/09, ante o Atlético de Madrid no José Zorrilla, substituíndo nos instantes finais ao seu compañeiro Jonathan Sesma. No seu seguinte partido marcou o seu primeiro gol en España, diante do Almería.
Pechou a súa primeira tempada en Valladolid cun total de 21 partidos disputados, a maioría deles saíndo dende o banco de suplentes, e dous goles. Na tempada seguinte aumentou lixeiramente a súa participación, ata os 25 encontros (10 como titular) e sumou 5 goles, pero non puido evitar o descenso do seu equipo á Segunda División. Foi obxecto de crítica por parte da afección, que o consideraba un dos culpables do descenso, polo que ambas partes acabaron enfrontadas.
Maccabi Tel Aviv (1ª etapa) En xullo de 2010 o Valladolid traspasou o xogador ao Maccabi de Tel Aviv. Debutou co club israelí nun partido da fase previa da Europa League diante do FK Mogren de Montenegro, marcando un dos dous goles do seu equipo (2-0). Continuou con grandes números nas seguintes xornadas, sumando oito goles nos seus 11 primeiros partidos co Maccabi, ata que avanzada a tempada o seu rendemento baixou e chegou a perder a titularidade. Disputou un total de 61 partidos en dúas tempadas, nos que anotou 14 goles.
Gaziantespor En 2012 saíu cedido ao Gaziantespor da Süper Lig de Turquía. Titular indiscutible no equipo do Sueste da Anatolia, disputou un total de 33 partidos, marcando catro goles e repartindo oito asistencias. O seu rendemento agradou á directiva do club, que exerceu a opción de compra que tiña sobre o xogador, militando este unha segunda campaña na liga turca.
Deportivo da Coruña Xa desvencellado do Gaziantespor, o 14 de agosto de 2014 fíxose oficial a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, cun contrato por tres tempadas. Debutou co equipo de Víctor Fernández no primeiro partido da tempada ante o Granada, e foi titular nas seguintes catorce xornadas. Con todo, a competencia dos tamén mediocentros Bergantiños, José Rodríguez, Juan Domínguez e Wilk, aos que se sumou no mercado invernal Celso Borges, fixo que non contara con moitos minutos na segunda metade da tempada.
Comezou a tempada 2015/16 nas filas do Deportivo, pero a súa escasa participación (só dous partidos en cinco meses) trala fichaxe de Pedro Mosquera, fixo que o 29 de xaneiro de 2016, o xogador e o club chegasen a un acordo para a rescisión do seu contrato.El Real Club Deportivo y Haris Medunjanin acuerdan la rescisión del contrato que los vinculaba O seu paso pola Coruña pechouse cun total de 27 encontros e dous goles.
Maccabi Tel Aviv (2ª etapa) Dous días despois de rescindir co Deportivo regresou ao Maccabi de Tel Aviv, co que asinou un contrato por unha tempada e media. Na súa segunda etapa en Tel Aviv xogou 53 partidos e con Peter Bosz como adestrador disputou a final da Copa de Israel contra o Maccabi de Haifa.
Estados Unidos
No mercado invernal de 2017 abandonou Israel e puxo rumbo aos Estados Unidos, onde asinou como novo xogador do Philadelphia Union da MLS. Titular indiscutible en Filadelfia, converteuse na peza principal do centro do campo, sendo elixido mellor xogador do equipo durante a tempada 2017, despois de realizar 12 asistencias. Na tempada 2019 disputou todos os minutos de competición, sendo o xogador con máis pases realizados e completados da MLS. O seu balance final co club foi de 109 partidos en tres tempadas, con 6 goles marcados e 19 asistencias aos seus compañeiros.
En decembro de 2019 fichou polo FC Cincinnati, anotando por primeira vez cun gol olímpico ante o New York Red Bulls. Xogou un total de 73 partidos co equipo ao longo de tres tempadas.
PEC Zwolle En agosto de 2022 regresou despois de 14 anos aos Países Baixos, onde asinou como novo xogador do PEC Zwolle, da Eerste Divisie, segunda categoría do fútbol do país. O adestrador do equipo era Dick Schreuder, ao que Medunjanin coñecera na súa etapa no Philadelphia Union. Disputou un total de 26 encontros co club da cidade de Zwolle, nos que marcou sete goles e repartiu catro asistencias, contribuíndo ao ascenso do club á Eredivisie.
Castellón No verán de 2023, tanto Schreuder como Medunjanin ficharon polo Castellón, da Primeira División RFEF, co que conseguiron un segundo ascenso consecutivo. Medunjanin foi o xogador máis importante e peza angular do equipo, anotou 9 goles e repartiu 6 asistencias, e liderou o Castellón ata a primeira posición final do Grupo II. Xogou por última vez na final de campións ante un dos seus antigos equipos, o Deportivo da Coruña, saíndo ovacionado tanto na ida no estadio de Riazor como na volta en Castàlia.
Selección nacional Foi internacional coas seleccións sub-20 e sub-21 dos Países Baixos, e con esta última conquistou a Eurocopa sub-21 de 2006, compartindo equipo con xogadores como Huntelaar, Stijn Schaars ou Demy de Zeeuw. Repetiu convocatoria para a Eurocopa sub-21 de 2007, na que o equipo neerlandés revalidou o título, tras derrotar a Serbia na final.
Despois de ter expresado en entrevistas o seu desexo de xogar coa selección do seu país natal, en 2009 foi convocado por primeira vez para a selección absoluta de Bosnia e Hercegovina polo seleccionador Miroslav Blažević. Debutou nun partido contra Portugal en Zenica, encontro que decidía un dos clasificados para o Mundial de 2010, saíndo vitoriosos os portugueses. Medunjanin anotou o seu primeiro gol como internacional o 17 de novembro de 2010, nun amigable ante Eslovaquia en Bratislava. Na fase clasificatoria para a Eurocopa de 2012 contribuíu con tres goles (contra Albania, Belarús e Luxemburgo) ao segundo posto do seu equipo e á clasificación para os play-offs, onde Bosnia caeu eliminada de novo ante Portugal.
Entre 2012 e 2013 disputou os partidos de clasificación para o Mundial de 2014, onde o seu equipo conseguiu un histórico pase tras rematar na primeira posición do seu grupo. En xuño de 2014 foi un dos 23 homes elixidos por Safet Sušić para participar na fase final do torneo, celebrado no Brasil. Debutou na primeira xornada, na derrota por 2-1 ante a Arxentina no estádio do Maracanã, substituíndo no cuarto de hora final a Zvjezdan Misimović. A continuación foi titular na derrota pola mínima ante Nixeria e quedou no banco no último partido, a vitoria por 3-1 sobre Irán.
En 2016 capitaneou a súa selección na disputa da Copa Kirin no Xapón, proclamándose campións tras derrotar na final á selección anfitrioa. O 27 de marzo de 2018 anunciou a súa retirada da selección, despois de xogar contra o Senegal o seu 60º partido internacional.
Trala retirada Inmediatamente tralo ascenso a Segunda División co Castellón e á súa retirada dos campos de fútbol, incorporouse ao corpo técnico do propio club, como axudante do adestrador Dick Schreuder.
Palmarés Castellón Primeira División RFEF (1): 2023/24.
Países Baixos sub-21 Eurocopa sub-21 (2): 2006, 2007.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador en Soccerway
Categoría:Nados en 1985 Categoría:Nados en Saraxevo Categoría:Futbolistas de Bosnia e Hercegovina Categoría:Futbolistas dos Países Baixos Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do AZ Alkmaar Categoría:Xogadores do Sparta Rotterdam Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do Maccabi Tel Aviv FC Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Philadelphia Union Categoría:Xogadores do CD Castellón Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Bosnia e Hercegovina Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2014