miniatura|dereita|Carta astral A astroloxía é unha disciplina, considerada pseudociencia polo consenso académico, na que a partir da posición aparente dos astros e do seu movemento se intenta comprender e descodificar a realidade toda e particularmente a existencia humana na Terra. Durante a Antigüidade e ata o Renacemento a astroloxía e a astronomía adoitaron designar o mesmo tipo de estudo.

Historia e características A palabra astroloxía provén do grego αστρολογία, de άστρον (ástron), ‘estrela’ e λόγος (logos) ‘palabra, estudo’, ou sexa, o estudo das estrelas e dos ceos.

Desenvolvéronse en diversas épocas e ámbitos culturais, como testemuñan as primeiras escrituras desde Sumeria, Exipto antigo e a China imperial ata o continente americano, distintos sistemas de observación e interpretación que tiñan en común a certeza dun nexo entre a posición e o movemento dos corpos celestes e acontecementos constatables na Terra. As diferentes astroloxías acabaron construíndo cadanseus calendarios unidos ao universo simbólico e referencial no que se confunden a procura de patróns na natureza, especulacións místico-relixiosas e a observación dos sucesos en relación ao percorrido dos planetas, das estrelas e mesmo de puntos abstractos no ceo calculados a partir do saber astronómico. O que se entende habitualmente por tradición astrolóxica -a que distingue doce signos do Zodíaco repartidos entre catro elementos e atribúe as súas cualidades aos planetas que os rexerían- afunde as raíces na antiga Mesopotamia e, a través das achegas de determinadas filosofías e especulacións helenísticas, romanas, árabes e hindús, configura un tronco común ás distintas propostas (astroloxía andalusí, védica, renacentista, psicolóxica etc.). A máxima autoridade desa tradición foi, durante séculos, Tolomeo.

Aínda que o tópico vulgar relacionou a astroloxía, xa ben antes da época romana, con teorías e prácticas de tipo preditivo, un groso continxente das especulacións que se tiñan por irrefutables -en campos como a protomedicina, a agricultura ou a meteoroloxía, entre moitos máis- baseábase na tradición astrolóxica. Case indisolublemente unida ás outras disciplinas con forte contido esotérico coma a alquimia, a astroloxía nunca cesou de se actualizar nin de ser fonte de polémicas e viuse progresivamente cuestionada a partir das hostilidades da Igrexa na Idade Media ata o triunfo do racionalismo no século XVIII, o cal non impediu que ao longo das épocas personalidades da ciencia (Newton, Kepler), da filosofía e da literatura (Roger Bacon, Goethe, Ted Hughes) ou da psicoloxía (C. J. Jung) defendesen a súa validez.

O descrédito contemporáneo desta disciplina vese reforzado pola ausencia de métodos e prácticas científicas na maioría da literatura astrolóxica, pero un importante volume de producións culturais (que abranguería desde a arte prehistórica ata varias das obras referenciais das Humanidades en Occidente e Oriente) resulta incomprensible sen algún coñecemento básico de astroloxía.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Dicionario escéptico da astroloxía

Categoría:Astroloxía