miniatura|dereita|Tristán Tzara por Lajos Tihanyi. miniatura|dereita|Tumba de Tristán Tzara.
Samuel Rosenstock, nado en Moineşti o 16 de abril de 1896 e finado en París o 25 de decembro de 1963, foi un escritor francés de orixe romanesa, máis coñecido polo pseudónimo de Tristan Tzara.
Traxectoria Residiu case toda a vida en Francia. Foi un dos autores máis importantes do movemento Dada, que fundou xunto con Hans Arp e Hugo Ball, unha corrente revolucionaria na literatura que anticipou as actitudes do surrealismo.
O movemento dadaísta orixinouse en Zürich, durante a primeira guerra mundial. Tzara escribiu os primeiros textos Dada — La Première Aventure céleste de Monsieur Antipyrine ("A primeira aventura celeste do señor Antipyrine", 1916) e Vingt-cinq poèmes (1918), así como os manifestos do movemento: Sept manifestes Dada ("Sete manifestos Dadá", 1924). En París organizou, cos seus compañeiros de movemento, espectáculos na rúa cheos de absurdismo para "épater le bourgeois" (escandalizar a burguesía) e deulle un poderoso impulso á escena dadaísta.
A finais de 1929 embarcouse no daquela recentemente inaugurado movemento surrealista de André Breton, Louis Aragon e outros autores. Dedicou grandes esforzos a intentar conciliar as doutrinas filosóficas nihilistas e sofisticadas do movemento coa súa propia afiliación marxista. Participou activamente no desenvolvemento dos métodos de escritura automática, entre eles o collage e o cadáver exquisito. Desa época data o seu libro L'Homme approximatif ("O home aproximado", 1931).
Durante a segunda guerra mundial incorporouse á resistencia francesa. Tras obter a cidadanía en 1947, afiliouse ao Partido Comunista Francés. A súa militancia estenderíase ata 1956, cando, tras a invasión de Hungría polas tropas sovéticas para apagar a revolta popular, apartouse do partido. A súa obra da época é complexa, aínda que máis convencional que na súa xuventude. Nela salientan Parler seul ("Falar só", 1950) e La face intérieure ("A face interior", 1953).
Morreu en decembro de 1963 en París e foi enterrado no cemiterio de Montparnasse.
Obras La première aventure céléste de Mr Antipyrine (A primeira aventura celeste do Sr. Antipyrine), 1916 Vingt-cinq poèmes, 1918 Primeiro manifesto dadá, 1918 "Anthologie Dada" (15 de maio de 1919) Dada (4/5) Cinéma calendrier du coeur abstrait (Cinema calendario do corazón abstraído), 1920 Sept manifestes dada (Sete manifestos dadá), 1924 De nos oiseaux, Poèmes (Sobre os nosos paxaros), 1929 L'homme approximatif (O home aproximado), 1931 Où boivent les loups (Onde beben os lobos), 1933 Midis gagnés: poèmes (Mediodías gañados), 1939 Le Surréalisme et l’Après-guerre, 1947 Entre-temps, 1946 La fuite : poème dramatique en quatre actes et un épilogue, 1947 Le Fruit permis: poèmes, 1947 Parler seul (Falar só), 1950 La face intérieure (A face interior), 1953 La Rose et le chien (A rosa e o can), 1958
Notas
Categoría:Escritores en lingua francesa Categoría:Escritores de Romanía Categoría:Nados en Romanía Categoría:Nados en 1896 Categoría:Finados en 1963