O Pazo da Fillaboa é unha casa señorial que se atopa no lugar da Quinta da Fillaboa, nas parroquias de Arantei e Cabreira, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño (Comarca do Condado). A orixe data do século XVI, aínda que sufriu importantes reformas no século XVIII, que lle dan o aspecto actual. Os romanos introduciron a cultura do viño na comarca, e a quinta sempre tivo videiras. Hoxe en día o pazo converteuse nunha adega para produción vitivinícola. A quinta é a leira maior do catastro da provincia.

Descrición O estado de conservación do pazo ou casa grande é bo, malia ter sido moi modificado. Consérvanse da primitiva construción do século XVI os muros de pedra, a escalinata, as balaustradas, a capela, o gran canastro e mailo pombal. Con planta en forma de L e construído nun noiro, aproveitando o desnivel, en fábrica de cachotaría de granito, ten planta terrea por un dos lados e adega e sollado polo outro, ao que se accede cunha escaleira pétrea que remata nunha solaina moi modificada con balaústres de granito sobre arcos de volta perfecta. Nun dos extremos a torre, sinxela de planta cadrada, rematada en ameas e cun escudo, desprazado da localización orixinal; este amosa un campo acuartelado en cruz coas armas dos Sarmiento e dos Soutomaior. A quinta está pechada por un valado de pedra de 1600 metros.

Historia Hai uns dous mil anos os romanos trouxeron a cultura da vide ao Condado, plantando tamén videiras na Fillaboa.

A historia do pazo comeza durante a Guerra de Restauración Portuguesa no século XVII (1640); daquela Salvaterra pasa a pertencer a Coroa de Portugal, así que o Marqués de Tavara, gobernador de Galicia, levanta un forte (hoxe desaparecido) no lugar no que se atopa a casa, para controlar o camiño cara Tui (camiño no que se atopa a ponte da Fillaboa). Rematados os acontecemento bélicos que motivaran a súa existencia, A Fillaboa coñeceu días máis tranquilos transformándose o forte en quinta de descanso.

No século XVIII realízanse numerosas reformas, sendo o dono do pazo (Granxa da Fillaboa) o Conde de Salvaterra (liñaxe da Casa de Alba) e Marqués de Sobroso. No século XIX, tras varias xeracións, a quinta da Fillaboa mailo Castelo de Sobroso, pasan a casa á duquesa de Híjar, viúva, que vende ambas as dúas propiedades no ano 1884 ao vigués Manuel Bárcena Franco, I conde de Torrecedeira. Bárcena comezou a cultivar viñedos e a producir o Viño do Condado Fillaboa, que logo exportou a países coma Cuba, Arxentina e Francia xa polo ano 1900. Tamén reformou a casa ao estilo colonial. A casa vendeuse en 1955 ao tamén vigués Alejandro Barreras Barret, enxeñeiro naval. Nesta época o pazo sufriu un incendio do que se salvaron a capela, o pombal e as adegas; tralo lume Barreras modificou moito o edificio para transformalo nunha casa de campo cos gusto da época.

Hoxe en día o pazo pertence a unha adega do grupo asturiano Masaveu, que devolveu ao edificio parte do seu antigo aspecto palaciano. Posúen 70 hectáreas de viñedos, principalmente de uva albariña, tamén celebran eventos.

A lenda Unha lenda local, moi semellante ao conto da Cincenta narra que o conde de Salvaterra tiña tres fillas, as máis vellas menosprezaban a cativa, chea de virtudes, que lles causaban envexa e que a fixeron merecedora de recibir en herdanza as "terras fartas da Fillaboa", orixe do topónimo.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Ponte da Fillaboa Ligazóns externas Web da Adega do pazo

Fillaboa Categoría:Salvaterra de Miño Categoría:Salvaterra de Miño sen imaxes