Persépole é unha novela gráfica en branco e negro, escrita e ilustrada en forma autobiográfica por Marjane Satrapi, co título orixinal de Persepolis. Apareceu en catro tomos, publicados entre 2000 e 2003. Foi traducida ao galego por Eva Carrión, e publicada en 2011 por Rinoceronte Editora.
Argumento
A obra narra a propia vida da autora desde 1979 (cando tiña dez anos) até 1994. Conta o modo en que tras nacer nunha familia progresista de Teherán, trala revolución iraniana e a chegada ao poder do réxime fundamentalista islámico marcha a estudar a Viena e despois regresa á súa cidade para estudar Belas Artes, e logo de rematar na universidade decide marchar a Estrasburgo.
Marji diferénciase do resto de nenos e nenas da súa idade por ser educada ao estilo occidental, nunha familia progresista, laica e de clase alta, descendente do último rei da dinastía persa dos Qajar. De formación bilingüe, ten unha considerable inquedanza intelectual. Mantén conversas imaxinarias cun Deus (de estética parecida a Karl Marx) e soña con ser a derradeira profeta que siga os pasos de Xesuscristo e Mahoma. Desde nova vive as manifestacións, as diferenzas de clases sociais e a marxinación.
No segundo tomo vive a tortura e os asasinatos a que son sometidos amigos e familiares, polo que os pais de Marjane deciden que vaia estudar a Austria. Alí se desenvolve o terceiro tomo, coa adaptación ao mundo occidental e a ruptura dos prexuízos, ao tempo que vive, a aprendizaxe da lingua alemá e a aparición das relacións sentimentais.
No cuarto tomo Marjane regresa a Teherán logo de catro anos, e descobre que as súas vellas amizades a desprezan polas súas vivencias. Porén, na universidade fai novas amizades, e mesmo casa cun compañeiro de clase. Porén, decide divorciarse e marchar a Francia.
Premios Prix du Lion, Bélxica (2000) Premio autora revelación no Festival de Banda Deseñada de Angoulême (2001) Premio ao mellor guión no Festival de Angoulême (2002) Primeiro premio da paz Fernando Buesa Blanco, Vitoria (2003) Premio Harvey á mellor obra estranxeira, EUA (2004)
Adaptacións A novela gráfica foi levada ao cine de animación co título de Persepolis, e foi estrenada o 27 de xuño de 2007. Está dirixida por Vincent Paronnaud, e foi nomeada á Palma de Ouro e acadou o premio do xurado no Festival de Cannes 2007.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha en Cultura galega
Categoría:Novelas gráficas Categoría:Obras literarias en francés Categoría:Obras literarias de 2003 Categoría:Obras traducidas do francés ao galego Categoría:Rinoceronte Editora