ACUDE é un movemento veciñal que pretende impulsar un proceso de renovación política en Culleredo. O movemento comezou a xerarse en agosto de 2014, cando se reuniron no Burgo representantes do Partido da Terra e de Piratas de Galicia, a fin de buscar unha alianza de cara ás eleccións municipais de 2015 e de crear o soporte preciso para un movemento plural con listas abertas baseado na participación cidadá. Ideoloxía O proxecto parte de persoas que non ocupan nin ocuparon cargos públicos e refuga da estrutura piramidal e xerárquica, de modo que cada persoa que se participa en ACUDE ten a mesma capacidade de decisión que o resto. Por outra banda, estabelécese a defensa dos dereitos das persoas como algo básico, sen lle restar a importancia que merecen os dereitos dos animais. ACUDE procura, por tanto, a igualdade entre os individuos.

Como un movemento plural, componse de persoas que a priori parten de diferentes posicións ideolóxicas, se ben existen os seguintes puntos básicos comúns:

Democracia directa: é dicir, os veciños e veciñas votarán as decisións que lles afectan directamente. Máis transparencia: apostan pola transparencia como elemento fundamental. De feito, ACUDE publica os seus gastos e contas. Máis dereitos: cando o permita a lexislación, intentarán dotar os cidadáns e cidadás de máis dereitos, a comezar "polo dereito a decidir e polo dereito á participación real e efectiva na vida política". Política do pobo e para o pobo: enténdese que ao aplicar o modelo de democracia directa o poder recaerá no pobo, de xeito que todas as decisións aprobadas en principio responderán ao ben común, se ben esas decisións non poden ser contrarias á Declaración Universal dos Dereitos Humanos e á Declaración Universal dos Dereitos dos Animais

Igualmente, búscase a descentralización das diferentes zonas ou parroquias.

Eleccións municipais de 2015 Se ben ACUDE naceu coa intención de participar nas eleccións municipais de 2015, finalmente os integrantes do colectivo decidiron retirar a candidatura.

A partir de finais de xaneiro de 2015, integrantes da Asociación Círculo Podemos de Culleredo comezaron a colaborar con ACUDE e, froito desta circunstancia, xurdiu a vontade de concorreren ambas as formacións nunha candidatura común, iniciativa que comezou a tomar forma durante os últimos días de febreiro. No entanto, graves incidentes provocaron a ruptura da alianza a principios de abril

Poucos días despois de ser anunciada esta ruptura, diversos medios de comunicación publicaban a existencia dunha rolda de negociacións entre a Asemblea Cidadá de Cambre, a Asemblea Cidadá de Carral, Alternativa dos Veciños de Oleiros e ACUDE (tamén se citaba á Marea Veciñal de Culleredo) destinadas á consecución dun hipotético pacto de cara a obter deputados provinciais na Deputación da Coruña. Porén, ACUDE desmentiu esta información.

Por outra banda, debido a un erro de tramitación, ACUDE ve imposibilitada a opción de concorrer ás municipais como coalición e, por iso, opta por presentarse como Piratas de Galicia. Non obstante, na Xunta Electoral Central non constaba como tal o representante desta formación, de modo que, para evitar problemas de última hora, a candidatura inscríbese como Partido da Terra-Terra de Culleredo.

No entanto, tratábase da única candidatura incompleta en Culleredo e, alén diso, a oposición comezou a difundir rumores respecto a un suposto afán nepotista, pois colaboraban no proxecto tres persoas que eran irmás e outras dúas que gardaban entre si o mesmo grao de parentesco. Se ben ACUDE nunca considerou inmoral esta circunstancia, decidiu retirar a candidatura para evitar que se levantasen suspicacias e animou (sen éxito) a todas as outras candidaturas que presentaban parentes nas listas (polo xeral, parellas sentimentais e primos) a que seguisen o mesmo camiño. Así o expresan nun comunicado, no cal se comprometen a seguir traballando por Culleredo malia non estaren presentes nas urnas.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web de ACUDE

Categoría:Asociacións de Galicia Categoría:Culleredo Categoría:Artigos de Galicia sen imaxes