A interleucina 16 (IL-16 ou IL16) é unha proteína citocina que nos humanos está codificada no xene IL16 do cromosoma 15 (o xene codifica dúas proteínas por splicing alternativo). Esta citocina é producida en forma dun péptido precursor, chamado pro-interleucina 16 (pro-IL-16).

Función

A proteína codificada por este xene é unha citocina pleiotrópica que funciona como quimioatractora, moduladora da activación de células T, e inhibidora da replicación do VIH. O proceso de sinalización desta citocina está mediado polo CD4, que funciona como receptor para a IL-16 madura. O produto deste xene sofre un procesamento proteolítico, do que se orixinan dúas proteínas funcionais. A función de citocina atribúese exclusivamente ao péptido C-terminal segregado, mentres que o produto N-terminal parece que desempeña un papel no control do ciclo celular. A caspase-3 está implicada no procesamento proteolítico desta proteína. Dous transcritos orixinados por splicing alternativo codifican as disttintas isoformas atopadas.

A interleucina 16 é unha citocina que liberan varios tipos celulares, entre eles os linfocitos e algunhas células epiteliais.

A IL-16 foi descrita orixinalmente como un factor que podía atraer células T activadas en humanos, e foi chamada inicialmente factor quimioatractor dos linfocitos (LCF). Desde entón, viuse que esta interleucina actúa recrutando e activando moitas outras células que expresen a molécula de superficie CD4, como monocitos, eosinófilos, e células dendríticas.

A estrutura da IL-16 foi determinada despois da súa clonación en 1994.

Interaccións

A interleucina 16 presenta interaccións proteína-proteína con: GRIN2A, GRIN2D, KCNJ10, KCNJ15, Kir2.1, PPP1R12A, e PPP1R12B.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Citocinas