Non se debe confundir coa bacteria Janthinobacterium lividum, á que nalgún tempo tamén se lle deu o nome de Chromobacterium violaceum (Ford 1927, e Leifson 1956).

Chromobacterium violaceum é unha especie de bacterias gramnegativa, anaerobia facultativa, non esporulante e con forma de cocobacilo. Forma parte da flora bacteriana normal da auga e o solo de rexións tropicais e subtropicais do mundo. Produce un antibiótico natural chamado violaceína, que pode ser útil no tratamento do cancro de colon e outros cancros. Crece facilmente en ágar nutriente, producindo distintivas colonias convexas baixas e lisas cun brillo metálico violeta escuro (debido á produción de violaceína). O seu xenoma completo foi publicado en 2003. Ten a capacidade de degradar restos de petróleo vertidos no mar.

Bioquímica C. violaceum fermenta a glicosa, trehalosa, N-acetilglicosamina e gluconato pero non L-arabinosa, D-galactosa, nin D-maltosa. Os illados bacterianos en moitos casos poden presentar unha alta resistencia a unha ampla variedade de antibióticos.

Importancia médica C. violaceum raramente infecta a humanos, mais cando o fai causa lesións na pel, sepse, e abscesos no fígado, que poden ser mortais. Na literatura só se informou de 150 casos. Debe terse coidado ao identificala, porque Burkholderia pseudomallei é ás veces identificada erradamente como C. violaceum por moitos métodos comúns de identificación. Porén, as dúas especies poden distinguirse doadamente en cultivo porque B. pseudomallei produce colonias grandes enrugadas, mentres que C. violaceum produce un distintitvo pigmento violeta.

C. violaceum produce de forma natural varios antibióticos: O aztreonam é un antibiótico monobactam activo contra as bacterias gramnegativas aeróbicas como Pseudomonas aeruginosa. Comercialízase como Azactam. A violaceína é activa contra amebas e tripanosomas; A aerocianidina é activa contra organismos grampositivos; A aerocavina é activa contra organismos grampositivos e gramnegativos.

Foi descrita como causante de infeccións en xibóns.

Tratamento A infección causada por C. violaceum é rara, polo que non hai ensaios clínicos que avaliasen os distintos tratamentos. Entre os antibióticos que foron utilizados con éxito contra ela están a pefloxacina, ciprofloxacina, amicacina, e co-trimoxazol. Outros antibióticos que parecen ser efectivos in vitro son o cloranfenicol e a tetraciclina. Por razóns teóricas, as infeccións non deberían responder ás penicilinas, cefalosporinas, ou aztreonam, aínda que os carbapenems como meropenem ou imipenem posiblemente funcionan.

Xenoma O xenoma completo desta especie foi secuenciado e os resultados foron publicados en 2003. A cepa tipo C. violaceum ATCC 12472 ten 4 751 080 pares de bases cun contido G+C do 64,83% e ten 4.431 ORFs.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Neisseriales