Iqaluit (en ) é a capital, meirande localidade e única cidade do territorio canadense de Nunavut. Denominouse oficialmente Frobisher Bay entre 1942 e 1987, pola baía na que se encontra. Iqaluit está na costa sur da illa de Baffin.

En 1999, Iqaluit foi designada capital de Nunavut tras a división dos Territorios do Noroeste en dúas rexións diferentes. Antes deste cambio administrativo, Iqaluit era unha cidade pequena e pouco coñecida fóra do norte do Canadá, cunha poboación e crecemento económico moi limitados. Esta situación debíase ó illamento da localidade e a súa gran dependencia dunhas importacións encarecidas pola ausencia de estradas ou vías férreas que conecten Nunavut co resto do país; ademais, os barcos só poden alcanzar a cidade durante unha parte do ano. Iqaluit ten un clima polar, influenciado polas augas frías da corrente do Labrador que circula preto da illa de Baffin, que arrefrían a cidade malia a súa posición meridional en relación co círculo polar ártico.

Segundo o censo do 2021, a poboación era de 7 429 habitantes (6 991 no núcleo urbano), un descenso do 4% respecto do censo de 2016. Iqaluit é a menos poboada das capitais do Canadá. Os seus habitantes reciben o nome de iqalummiut (en singular: iqalummiuq).

Historia Iqaluit foi un sitio tradicional de pesca para os inuit e os seus devanceiros, os paleoesquimós (cultura dorset) e os thule, durante miles de anos. O seu nome procede do termo inuktitut iqaluit (en ), que significa "lugar con moitos peixes".

Durante a segunda guerra mundial, houbo un gran fluxo migratorio de persoas debido á construción da base aérea de Frobisher Bay en 1942 polos Estados Unidos. O obxectivo da instalación era ofrecer unha parada de reabastecemento de combustible para os avións de uso militar que se transportaban en barco cara a Europa. O primeiro residente permanente en Iqaluit foi Nakasuk, un guía inuk que axudou ás forzas aéreas a escoller unha zona chá de lonxitude apropiada para instalar unha pista de aterraxe. Esta área coñecíase como Crystal Two, e formaba parte da chamada ruta carmesí. Na actualidade, constitúe o aeroporto de Iqaluit.

Demografía

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Baffin Regional Health Board (Nunavut), and Health Needs Assessment Project (Nunavut). Iqaluit Community Profile. Iqaluit, Nunavut?: Health Needs Assessment Project, Baffin Regional Health Board?, 1994.

Hodgson, D. A. Quaternary geology of western Meta Incognita Peninsula and Iqaluit area, Baffin Island, Nunavut. Ottawa: Geological Survey of Canada, 2005. ISBN 0-660-19405-8 Keen, Jared. Iqaluit Gateway to the Arctic. Calgary: Weigl, 2000. ISBN 1-896990-55-X Kublu, Alexina, e Mélanie Gagnon. Inuit Recollections on the Military Presence in Iqaluit. Memory and history in Nunavut, v. 2. Iqaluit, N.W.T.: Nunavut Arctic College, 2002. ISBN 1-896204-54-6 Newbery, Nick. Iqaluit gateway to Baffin. Iqaluit, NT: Published for the Royal Canadian Legion Branch No. 4, Iqaluit by Nortext Pub. Co, 1995. ISBN 1-55036-452-9

Ligazóns externas Páxina oficial de Iqaluit

Categoría:Cidades do Canadá Categoría:Nunavut