A tartaruga mariña olivácea (Lepidochelys olivacea) é unha tartaruga mariña de mediano tamaño que vive principalmente nos océanos Índico e Pacífico e tamén en augas caribeñas.
Descrición
É unha tartaruga mariña máis ben pequena, cunha coiraza ou cuncha adulta de como media 60 a 70 cm. A coiraza con forma de corazón está caracterizada por ter catro pares de escudos inframarxinais que teñen poros na ponte (que une o espaldar e o plastrón da coiraza), dous pares de escudos prefrontais e ata 9 escudos laterais en cada lado. Esta especie é a única que ten un número de escudos laterais variable e asimétrico, xa que poden variar en número de 5 a 9, máis comunmente de 6 a 8. Cada lado da coiraza ten de 12 a 14 escudos marxinais.
A coiraza está aplanada dorsalmente. Ten unha cabeza larga de mediano tamaño, que parece triangular vista desde arriba. Os lados cóncavos da cabeza son máis obvios na parte superior do curto fociño. Ten patas con forma de aleta, cada unha con dúas uñas anteriores. As partes superiores son cincentas verdosas ou oliváceas, pero ás veces parecen avermelladas debido ás algas que crecen na coiraza. A ponte e o plastrón sen bisagras dun adulto varía desde branco verdoso nos individuos novos a cor amarela crema nos máis vellos.
As crías que acaban de eclosionar son grises escuras cunha cicatriz da xema clara, pero parecen negras cando se humedecen. A lonxitude da coiraza das crías vai de 37 a 50 mm. Unhas liñas brancas delgadas abeiran a coiraza, igual que a cola, a parte frontal e as aletas traseiras. Tanto os neonatos coma os xuvenís teñen escudos marxinais posteriores aserrados, que se fan lisos coa idade. Os xuvenís teñen tamén tres quillas dorsais; a quilla central lonxitudinal dá ás tartarugas máis xoves un perfil aserrado, que permanece ata que chegan á madurez sexual.
Raramente pesan máis de 50 kg. Un estudo feito en Oaxaca, México, tomou os pesos dunha mostra de adultos, que oscilaban entre 25 e 46 kg; as femias adultas pesaban como media 35,45 kg (tamaño da mostra: n=58), mentres que os machos adultos pesaban significativamente menos, como media 33,00 kg (n=17). Os neonatos xeralmente pesan entre 12,0 e 23,3 g.
Os adultos son algo dimórficos sexualmente. Os machos maduros teñen colas máis longas e grosas, que usan para a copulación, e ademais os machos presentan unhas uñas curvadas agrandadas nas aletas anteriores, que lles permiten agarrarse á coiraza da femia durante a copulación. Os machos tamén teñen coirazas que se estreitan máis e son máis longas que as das femias, as cales as teñen con forma abovedada e máis arredondadas. Os machos teñen plastróns máis cóncavos, o que se cre que é outra adaptación para o apareamento. Os plastróns dos machos poden ser máis brandos que os das femias.
Distribución
miniatura|660px|dereita|Mapa de distribución de Lepidochelys olivacea: os círculos vermellos son as áreas de aniñación principais; os círculos amarelos son áreas de aniñación secundarias.
A tartaruga mariña olivácea ten unha distribución circuntropical, xa que vive en augas tropicais e cálidas do Pacífico e Índico, desde a India, Arabia, Xapón, e sur de Micronesia ao sur de África, Australia, e Nova Zelandia. No Atlántico, observouse na costa oeste de África e nas do norte do Brasil, Suriname, Güiana, Güiana Francesa, e Venezuela. Ademais, foi rexistrada no Caribe ata chegar polo norte a Porto Rico. Tamén se encontra no leste do Pacífico desde as Illas Galápagos e Chile ata o Golfo de California, e ao longo dada costa pacífica norteamericana ata polo menos Oregón. Os seus movementos migratorios están menos estudados que os doutras especies de tartarugas mariñas, pero crese que usan as augas costeiras duns oitenta países. Historicamente, esta especie foi considerada a tartaruga mariña máis abundante do mundo. Por exemplo, máis de 1 millón de tartarugas mariñas oliváceas foron capturadas comercialmente nas costas de México só en 1968.
A poboación mexicana do Pacífico estimábase en polo menos 10 millóns antes da era da explotación en masa. Máis recentemente, a poboación global de femias aniñadoras anual reducírase a uns 2 millóns en 2004, e reduciuse máis ata 852.550 en 2008. Isto indica un decrecemento drástico do 28 ao 32% na poboación global en só unha xeración (é dicir, en 20 anos).
Aínda hoxe, a tartaruga mariña olivácea segue considerándose a tartaruga mariña máis abundante, malia a mencionada redución de máis dun 30% con respecto aos seus niveis históricos. Estas tartarugas considéranse en perigo debido aos poucos sitios para aniñar que lle quedan no mundo.
Esta tartaruga non se encontra normalmente en augas europeas, a non ser algúns exemplares escasos extraviados. En Galicia en 1988 rexistrouse a súa presenza nun caso illado, pero crese que esta identificación é dubidosa e probablemente se trataba de Lepidochelys kempii.Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxina 282. ISBN 84-7507-722-6.
Áreas de aniñación
miniatura|esquerda|Neonato de tartaruga mariña olivácea. miniatura|Facendo os niños. As tartarugas mariñas oliváceas teñen un comportamento peculiar de aniñación sincronizada masiva, chamada en México arribada. As femias retornan á mesma praia onde naceron, e depositan alí os seus ovos.http://www.wwfindia.org/about_wwf/priority_species/lesser_known_species/olive_ridley_turtle/ No océano Índico, a maioría aniñan en dous ou tres grandes grupos preto de Gahirmatha en Odisha. A costa de Orissa na India é o sitio de aniñación en masa máis grande desta tartaruga, seguido das costas de México e Costa Rica. En 1991, unhas 600.000 tartarugas aniñaron na costa de Odisha en só unha semana. A aniñación ocorre tamén en localizacións esparexidas pola costa de Coromandel e en Sri Lanka. Porén, esta especie é considerada unha rareza na maioría das áreas do océano Índico.
Son tamén raras no Pacífico central e occidental, e só se coñecen grandes arribadas nas augas tropicais do Pacífico oriental en América Central e México. En Costa Rica teñen lugar nas praias de Nancite e de Ostional. Hai dúas arribadas activas en Nicaragua, nas praias de Chacocente e La Flor, e unha pequena zona de aniñación na costa do Pacífico de Panamá. Historicamente, había varias arribadas nas costas de México, aínda que actualmente só persiste unha en Playa Escobilla, Oaxaca.
Aínda que esta especie é famosa polas súas masivas arribadas nalgúns puntos, moitos dos terreos de aniñación só poden soportar congregacións de tamaño relativamente pequeno a moderado (unhas 1.000 femias). A contribución global e a importancia destas praias de aniñación para a poboación podería estar subestimada pola comunidade científica.
Áreas de alimentación
Algunhas das áreas de alimentación desta especie preto do sur de California están contaminadas por verteduras de residuos líquidos, escorrentías de procedencia agrícola, pesticidas, disolventes, e verteduras industriais. Estes contaminantes fan decrecer a produtividade da comunidade do bentos, o que afecta negativamente a estas tartarugas, que se alimentan de ditas comunidades. A crecente demanda de construír portos deportivos e peiraos preto de Baixa California e do sur de California tamén afecta negativamente ás tartarugas mariñas oliváceas destas áreas, onde se produce un incremento de verteduras de aceite e combustible neses sensibles hábitats. Outra ameaza para estas tartarugas son as centrais eléctricas, nas que está documentado que os individuos xuvenís e subadultos quedan atrapados nos sistemas de toma de auga de mar para a refrixeración.
Taxonomía A primeira descrición desta especie fíxose co nome Testudo mydas minor, Suckhow, 1798. Despois foi renomeada como Chelonian olivacea, Eschscholtz, 1829, e finalmente como Lepidochelys olivacea Fitzinger, 1843. Como o primeiro que propuxo o epíteto de especie "olivacea" foi Eschscholtz, o seu nome válido definitivo quedou como Lepidochelys olivacea Eschscholtz, 1829.
O nome do xénero deriva das palabras gregas lepidos, que significa escama, e chelys, que se traduce por tartaruga. Isto podería facer referencia á cantidade supernumeraria de escudos costais que ten este xénero. A súa coiraza é predominantemente de cor olivácea, de aí o seu epíteto específico. Lepidochelys é o único xénero de tartarugas actual que contén máis dunha especie, que son: L. olivacea e L. kempii."Marine Turtle Newsletter" - Harold A. Dundee
Ecoloxía e comportamento
miniatura|dereita|Taratruga mariña olivácea desovando.
Reprodución Pénsase que o apareamento ten lugar preto das praias de aniñación, pero detectáronse parellas copulando a 1.000 km da costa. Investigacións feitas en Costa Rica indican que, debido o seu número non moi alto, as parellas copulando observadas preto das praias non poden ser as únicas responsables da fertilización dos decenas de miles de femias grávidas que chegan a aquelas praias, polo que un número significativo de apareamentos debe producirse noutros lugares e noutras épocas do ano.
A praias de Gahirmatha no distrito de Kendrapara de Odisha (India), que forma agora parte do Santuario de vida silvestre de Bhitarkanika, é a área de reprodución maior destas tartarugas. Os mangleirais de Bhitarkanika foron designados como Zona Húmida de Importancia Internacional (dentro da Convención Ramsar) en 2002. É o lugar do mundo de maior concentración de femias aniñadoras desta especie. Ademais de Gahirmatha, hai outras dúas praias con aniñación en masa situadas nas desembocaduras dos ríos Rushikulya e Devi.
As tartarugas mariñas oliváceas migran en gran número desde inicios de novembro, todos os anos, para aparearse e aniñar nas costas de Orissa. En Gahirmatha crese que aniñan entre 100.000 e 500.000 femias cada ano, aínda que houbo un declive na poboación no recente pasado debido a mortalidades en masa. A especie está protexida pola Axenda - I da Lei de (Protección) da Vida Silvestre India de 1972 (emendada en 1991). Todas as especies de tartarugas mariñas nas costas de Orissa están consideradas "en perigo" na Lista vermella da IUCN. As tartarugas mariñas están protexidas pola "Convención de Especies Migratorias" e pola CITES (Convención de Comercio Internacional de Fauna e Flora Silvestre). A India é unha das nacións signatarias de todas esas convencións.
As tartarugas mariñas oliváceas xeralmente empezan a congregarse preto das praias de aniñación uns dous meses antes da estación de posta, aínda que isto pode variar ao longo da súa área de distribución. No Pacífico leste, a aniñación ocorre durante todo o ano, cun pico de eventos de aniñación (arribadas) entre setembro e decembro. As praias de aniñación adoitan ser zonas de media praia, relativamente planas, e libres de rochas.. Consultado o 16 de abril de 2013. A fidelidade por unhas determinadas praias é a norma, pero ten as súas excepcións. Os eventos de aniñación son xeralmente nocturnos, pero tamén se teñen rexistrado polo día, especialmente durante as grandes arribadas. A idade exacta da madurez sexual é descoñecida, pero pode inferirse aproximadamente polo tamaño mínimo dos individuos que aniñan. Por exemplo, a lonxitude media da coiraza das femias que aniñan (n = 251) en Playa Nancite, Costa Rica era de 63,3 cm, e as menores medían 54,0 cm. As femias poden facer ata tres postas por tempada, pero a maioría só poñen unha vez. As femias permanecen preto da costa durante o período entre postas, que é de aproximadamente un mes. O tamaño medio da posta varía na súa área de distribución e diminúe con cada intento de aniñación.