Alberto Bosch y Fustegueras, nado en Tortosa o 26 de decembro de 1848 e finado en Madrid o 13 de maio de 1900, foi un enxeñeiro e político español, ministro de Fomento durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena.
Traxectoria Brillante estudante, ademais de doutorarse en Dereito licenciouse en Ciencias Exactas e Enxeñaría de Camiños e iniciou as carreiras de Medicina e Farmacia. A súa carreira política iniciouse en 1873 ao ingresar no Partido Conservador en cuxa representación obtivo unha acta de deputado pola circunscrición de Tarragona en 1876 repetindo escano nas eleccións de 1879 e 1881 para pasar en 1886 a ser nomeado senador pola Sociedade Económica de Madrid. En 1891 volve ao Congreso en representación de Albacete e en 1892 é nomeado senador vitalicio.
Foi académico da Real Academia de Ciencias entre 23 de marzo de 1890 e o 13 de maio de 1900.
Alcalde de Madrid en 1885 e entre 1891 e 1892, na súa primeira etapa á fronte do Concello madrileño unha epidemia de cólera arrasou a capital e a súa destacada loita para acabar coa enfermidade fixo que fose nomeado fillo predilecto e adoptivo de Madrid.
Foi ministro de Fomento entre o 23 de marzo e o 14 de decembro de 1895, data na que se viu obrigado a dimitir debido ás manifestacións multitudinarias que se celebraron na súa contra motivadas por un escándalo sobre os orzamentos municipais.
Apartado da política activa dedicouse á investigación e á divulgación científica destacando as súas obras: Estudos trigonométricos (1875), Manual de Astronomía popular (1880), A agricultura española no século XIX (1883), Xeometría aplicada ás Artes (1885) e Colección de discursos políticos (1889).
Faleceu en Madrid o 13 de maio de 1900.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Ficha no Senado
Categoría:Alcaldes de Madrid Categoría:Finados en 1900 Categoría:Nados en 1848 Categoría:Nados en Tortosa Categoría:Políticos conservadores Categoría:Políticos de Cataluña Categoría:Ministros de España Categoría:Políticos do Partido Conservador (España)