San Salvador de Louredo é unha parroquia do concello de Mos. Segundo o IGE en 2014 tiña 1626 habitantes (813 homes e 813 mulleres) distribuídos en 11 entidades de poboación. Segundo o padrón municipal en 2004 tiña 1197 habitantes (605 mulleres e 592 homes), 162 máis ca en 1999.
Xentilicio O seu xentilicio é louriño.
Topónimo O topónimo Louredo (do latín , de máis o sufixo abundancial ) fai referencia a un lugar onde hai loureiros.
Xeografía Nos últimos anos, presenta un forte crecemento demográfico grazas en boa parte á urbanización de Santo Antoíño. A parroquia está atravesada pola estrada N-550 e pola liña de ferrocarril Redondela-Ourense. Cara ao sur da parroquia creouse a comezos do século XXI un polígono industrial.
Louredo é a parroquia de Mos con maior número de hectáreas de monte, aínda que eses terreos están sendo atacados constantemente por mor dos devastadores incendios forestais que asolan toda a zona. A pesar diso, a fauna e a flora destes montes é moi numerosa e lévanse a cabo actuacións para a recuperación da súa contorna.
Patrimonio A igrexa parroquial é de orixe románica do século XII e retocada no XIII. Porén, sufriu importantes cambios estruturais a finais do século XVIII. Consérvanse canzorros nos muros laterais antecedendo ao beirado e á cornixa. Sobre a porta hai unha inscrición co texto . A torre foi construída en 1722, con base cadrada. No interior hai un escudo de armas que fai referencia á liñaxe dos Lanzos e Taboada, así como un sepulcro situado na Capela Maior. A igrexa sufriu un incendio o 10 de marzo de 1996, que destruíu o teito da nave central. En 1997 fíxose a rehabilitación.
No enreixado da igrexa hai un peto de ánimas, presidido pola Virxe do Carme. Na casa reitoral, con planta en forma de L e muro con porta ameada coa data de 1666 no seu lintel, consérvanse os muros dunha capela do século XVI.
O pazo de Santo Antoíño ten orixe no século XIV, pero foi reconstruído no XVIII. Conta cunha capela do XVI.
A carón da igrexa consérvase unha ponte sobre o rego das Fragas, pola que discorría o camiño real de Tui a Santiago de Compostela.
Galería de imaxes
Notas
Lugares e parroquias Lugares de Louredo
Parroquias de Mos
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Mos
Categoría:Parroquias de Mos Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Salvador Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía