miniatura|dereita|Femia secando as plumas. Anhinga anhinga é unha especie de aves acuáticas que viven en zonas cálidas continentais de América do Sur e do Norte, desde o norte da Arxentina ao sur dos Estados Unidos. Esta especie está clasificada na familia Anhingidae, e comparte o seu xénero con outras tres especies: Anhinga melanogaster (da India), A. rufa (de África), e A. novaehollandiae (de Australia).
Nome A palabra anhinga procede da voz ajíŋa da lingua tupí amazónica e significa "espírito demoníaco", e pasou ao portugués brasileiro ortografada como anhangá ou anhinga e de aí tomouse para crear o nome científico. Anhinga é palabra masculina en portugués; de todos modos, esta ave no Brasil ten ademais de anhinga outros nomes, tamén amerindios, polos que é máis coñecida como arará, biguatinga, carará, meuá, miuá e muiá. Noutros países chámanlle 'ave serpe' (snakebird en inglés, oiseau-serpent en francés, pájaro serpiente en castelán, uccello serpente en italiano) polo seu pescozo parecido a unha serpe. O seu agudo peteiro e o costume de atravesar os peixes que captura co peteiro deulle nomes como pato aguja ('pato agulla', en castelán) ou darter (~'empalador', en inglés).
Distribución e migración Vive en augas quentes e pouco profundas. É a única especie de Anhinga que vive en América e está subdividida en dúas subespecies, chamadas A. a. anhinga e A. a. leucogaster, baseándose na súa localización. A. a. anhinga atópase principalmente ao leste dos Andes en Suramérica incluíndo as illas de Trindade e Tobago. A. a. leucogaster pode encontrarse no sur dos Estados Unidos, México, Cuba, e a illa de Granada.
Só as aves que viven nos extremos sur e norte da súa área de distribución teñen un comportamento migratorio, que depende da temperatura e das horas de luz solar. Migran cara ao ecuador durante o inverno. Algunhas destas aves foron detectadas en zonas fóra da súa área habitual, tan ao norte como en Pensilvania e Wisconsin nos Estados Unidos.. Ás veces emigran en grupos acompañados doutras aves.
Descrición A especie A. anhinga é unha ave grande duns 89 cm de lonxitude media (varía de 75 a 95 cm), cunha envergadura de 1,14 m. A subespecie A. a. anhinga é algo meirande que A. a. leucogaster e ten uns "bordos da cola de ton beixe máis amplos". Pesan como media uns 1,22 kg (varía entre 1,04 e 1,35 kg). O peteiro é relativamente longo (aproximadamente o dobre que a cabeza)), e moi agudo e de cor amarela. Desa cor son tamén os pés, que son palmados.
A maioría do corpo dos machos é dunha cor verdosa anegrada brillante coas ás e base das ás e cola azuis anegradas brillantes. O extremo da cola ten plumas brancas. As costas e a cabeza e pescozo teñen plumas alongadas que foron descritas como de cor gris ou brancas con tons púrpura. A parte superior do corpo e ás teñen pintiñas ou liñas brancas.
As femias son similares aos machos, pero teñen unha cabeza, pescozo e parte superior do peito de cor beixe agrisada ou marrón clara. A parte inferior do peito é de cor castaña e en comparación co macho a femia ten unhas costas máis castañas.
A cría nace espida pero en poucos días cóbrese de penuxe parda. En dúas semanas substitúese por penuxe branca. Tres semanas despois de eclosionar, aparecen as primeiras plumas xuvenís. Os xuvenís son principalmente marróns ata que chegan á idade reprodutora despois do segundo ou terceiro inverno.
Carecen de orificios respiratorios externos, polo que respiran só a través da súa epiglote.
Esta ave pode confundirse algo cos corvos mariños Phalacrocorax auritus debido ao seu tamaño e forma similar, pero poden diferenciarse ben deles observando o peteiro e colas. A cola de A. anhinga é máis larga e moito máis longa que a dos corvos mariños, e o seu peteiro é moi bicudo e recto, mentres que o dos corvos mariños ten un extremo curvado.
Comportamento Aínda que é unha ave acuática e captura peixes e en menor medida anfibios na auga, esta especie non ten plumas impermeables ao ter unha glándula uropixial (produtora de graxa impermeabilizante) vestixial. Por esa razón ten que secar as súas plumas ao sol coas ás estendidas despois de mergullarse na auga. A súa liña de flotación é moi baixa, polo que nada con case todo o corpo mergullado, o que lle facilita a natación por debaixo da auga, de modo que só asoma o seu pescozo. Se intenta voar cando as súas ás están aínda molladas, ten grandes dificultades e bate as ás vigorosamente mentres "corre" sobre a auga. A miúdo aliméntase en pequenos grupos. Captura o seu alimento atravesándoo co seu peteiro.
Estado de conservación O número de individuos desta especie non se estimou, pero considérase que é abundante e ten unha ampla área de distribución de 15 millóns de km2 e o seu status de conservación está clasificado pola IUCN como "pouco preocupante". Nalgúns países está protexida por ser unha ave migratoria.
Notas
Ligazóns externas
Categoría:Suliformes Categoría:Animais descritos en 1766 Categoría:Taxons descritos por Linné