Pioneer 13, tamén coñecida como Pioneer Venus 2 e Pioneer Venus Multiprobe, foi unha misión espacial lanzada o 8 de agosto de 1978 mediante un foguete Atlas-Centaur desde a base espacial de Cabo Cañaveral para enviar varias sondas á atmosfera de Venus e estudala in situ.

Características Pioneer 13 formou parte dun proxecto maior xunto coa Pioneer 12, que consistiu nun orbitador lanzado previamente e que xa se atopaba en órbita de Venus cando as sondas da misión Pioneer 13 chegaron ao planeta. Pioneer 13 estaba formado por catro sondas atmosféricas e a nave (o chamado bus) encargada de levalas ata Venus. As catro sondas atmosféricas, tres idénticas e unha distinta de maior tamaño, entraron na atmosfera o 9 de decembro de 1978 protexidas por escudos térmicos e recompilaron datos científicos mentres descendían ata a superficie, mentres que o bus tamén fixo medicións ata a súa destrución na atmosfera superior ao non levar escudo térmico, tal como estaba previsto.

Naves

A masa total do conxunto do bus e as sondas atmosféricas era de 875 kg, dos cales 585 kg correspondían ás sondas, 290 kg ó bus e 32 kg á hidracina usada para as manobras e as correccións orbitais antes da chegada a Venus. O bus estaba formado por un corpo principal cilíndrico de 250 cm de diámetro baseado na mesma estrutura que o da Pioneer 12 para aforrar custos. Estabilizábase mediante xiro a 48 r.p.m. e na parte de superior do bus ían montadas as catro sondas atmosféricas, a maior no centro e as tres restantes, máis pequenas e iguais, ao seu arredor separadas 120 graos, dándolle unha altura ao conxunto de 2,9 metros. A enerxía era producida por células solares rodeando o corpo do bus proporcionando ata 214 vatios de potencia, mentres que as sondas funcionarían mediante baterías unha vez se separaran do bus. O control de actitude realizábase mediante sensores solares e estelares conxuntamente con propulsores alimentados por hidracina. As comunicacións tiñan lugar mediante dúas antenas omnidirecionais (unha na parte frontal e outra na parte posterior do bus) e unha antena de media ganancia. A sonda grande estaba deseñada para separarse do bus mediante un sistema consistente nun parafuso pirotécnico e as pequenas para usar un mecanismo de separación baseado en grampas cun mecanismo explosivo en caso necesario e que faría que as sondas saísen disparadas tanxencialmente debido ao xiro do bus sobre si mesmo.

A sonda grande pesaba 315 kg e tiña tres partes: o escudo térmico frontal, un cobertor traseiro e unha esfera de titanio de 73 cm de diámetro onde se aloxaban os instrumentos e os sistemas. O diámetro total da sonda era de 1,5 m e tras a reentrada na atmosfera o escudo e o protector se separaron para expoñer a esfera, que descendeu colgada dun paracaídas desde os 47 km de altura ata a superficie nun traxecto que durou hora e media. A esfera dispoñía de nove ventás para a observación da atmosfera, oito de zafiro e unha de diamante.

Cada unha das tres sondas atmosféricas pequenas pesaba 75 kg e medía 80 cm de diámetro e tamén constabta de tres partes: o escudo térmico, o protector traseiro e unha esfera de titanio aloxando sistemas e instrumentos. A diferenza da sonda grande, tanto o escudo térmico como o protector traseiro permanecían unidos á esfera en lugar de separarse desta e non usaron paracaídas para frear o descenso pola atmosfera. As baterías tiñan unha duración de 75 minutos. Tódalas sondas recolleron datos durante o descenso pola atmosfera, pero só unha das sondas chegou a seguir transmitindo desde a superficie.

Instrumentos

miniatura|right|250px|A sonda atmosférica maior de Venus 13 durante o descenso pola atmosfera de Venus.

O bus levaba a bordo dous espectrómetro de masas, un para masas neutras e outro para ións, co fin de medir a composición da atmosfera superior.

A sonda grande tiña sete instrumentos a bordo:

Un espectrómetro de masas neutras. Un cromatógrafo de gases para medir a composición atmosférica. Un radiómetro de fluxo solar para medir a penetración da luz solar na atmosfera. Un radiómetro infravermello para medir a distribución de radiación infravermella. Un espectrómetro de tamaño de partículas das nubes para medir a forma e tamaño das partículas. Un nefelómetro para a busca de partículas nas nubes. Sensores de temperatura, presión e aceleración.

Por outra banda, cada unha das tres sondas pequenas levaba o seguinte equipamento:

Un nefelómetro. Sensores de temperatura, presión e aceleración. Un radiómetro de fluxo para cartografar a distribución das fontes e sumidoiros de enerxía radiativa na atmosfera.

Perfil da misión Pioneer 13 foi lanzada o 8 de agosto de 1978 desde Cabo Cañaveral. A nave fixo unha corrección de curso o 16 de agosto e tras varios meses de viaxe, o 16 de novembro, a sonda máis grande se separou do bus iniciando a súa viaxe por separado. O 20 de novembro separáronse as sondas pequenas, despois do cal o bus disparou os seus motores para frearse lixeiramente e ir por detrás das sondas. Tanto as sondas como as naves chegaron a Venus o 9 de decembro de 1978 e entraron na atmosfera do planeta a 41.600 km/h. Dúas das sondas pequenas entraron no lado nocturno do planeta, mentres que a outra e a sonda grande entraron no lado diúrno. Ás sondas pequenas levoulles uns 75 minutos chegar á superficie despois da reentrada, mentres que o descenso da grande durou hora e media. O bus quedou destruído aos 110 km de altura, tal como estaba previsto. A sonda pequena do lado diúrno foi a única que sobreviviu á súa chegada á superficie, desde onde estivo enviando datos durante 67 minutos.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Pioneer Venus na web da NASA

Categoría:Satélites artificiais