Ismail Haniyeh ou Ismail Haniya (en árabe: إسماعيل هنية, Ismāʿīl Haniyya ou إسماعيل عبد السلام أحمد هنية, Ismāʿīl ʿAbd as-Salām Aḥmad Haniyya), nado no campo de refuxiados de Al-Shati, Gaza, o 29 de xaneiro de 1962 ou 1963 e finado en Teherán (Irán) o 31 de xullo de 2024, foi un político e activista palestino, líder do grupo Movemento de Resistencia Islámica (coñecido como Hamas) dende o 6 de maio de 2017 até o momento do seu asasinato.
Dende o 21 de febreiro de 2006, ostentou o cargo de Primeiro Ministro da Goberno de Unidade Nacional Palestina, creado por Fatah logo do triunfo de Hamas nas eleccións de 2006, e o mantivo até o 14 de xuño de 2007, cando o seu goberno foi destituído polo presidente palestino Mahmoud Abbas.
Haniyeh foi durante dúas décadas o maior líder político do grupo terrorista Hamas. Segundo Al-Jazeera, "Haniyeh, a diferenza dalgúns outros líderes de Hamas, evitou suxerir 'a destrución de Israel'." Haniyeh, polo tanto, era visto como un líder "pragmático" de Hamas. Tiña a súa residencia familiar no campo de refuxiados de Al Shati, preto da cidade de Gaza, mais dende 2019 vivía exiliado en Qatar.
No momento do seu asasinato, Haniyeh, estaba á fronte da diplomacia e das negociacións indirectas para chegar a un alto o fogo en Gaza, por mor do ataque de Hamas a Israel, o 7 de outubro de 2023.
Traxectoria
Primeiros anos e formación Nado en Al-Shati, un campo de refuxiados palestinos no norte de Gaza, durante a ocupación exipcia da franxa. Aló chegaron seus pais, trala guerra árabe-israelí de 1948 e o posterior éxodo palestino, en que abandonaron a actual cidade de Ascalón e marcharon a Gaza como refuxiados. Estudou nas escolas da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (acrónimo inglés: UNRWA, United Nations Relief and Works Agency for Palestine Refugees in the Near East) e, despois, estudou e se graduou en literatura árabe na Universidade Islámica de Gaza. Ali entrou en contacto con Hamas e, decontado, adheriuse á política e militou no grupo dende a súa creación e foi xefe do consello estudantil que representaba a Hamas.
En Hamas Na década dos anos 80, fora detido en varias ocasións. En 1987, despois de se graduar, pola súa participación na Primeira Intifada. De novo en 1988, xa con Hamas, e outra vez en 1989, cando foi encarcerado durante outros 3 anos. En 1992, foi deportado con outros 451 membros de Hamas e da Yihad Islámica ao sur do Líbano, onde permaneceu até 1993, en que retornou a Gaza, e se converteu en decano da Universidade Islámica de Gaza.
Cando en 1997, o xeque Ahmed Yassin, considerado o líder espiritual do Movemento de Resistencia Islámica, foi liberado da prisión israelí, Haniyeh foi nomeado xefe-secretario da súa oficina tendo cada vez máis relevancia até ser o representante de Hamas perante a Autoridade Palestina. A súa posición dentro de Hamas continuó fortalecéndose durante a Segunda Intifada debido á súa relación con Yassin e tamén por mor dos asasinatos de gran parte dos líderes de Hamas por parte das forzas de seguridade israelís. Tamén el sufriu atentados por parte dos israelís como cando estaba con Yassin e escaparon por pouco dun atentado en 2003 no que un F-16 israelí lanzou varios mísiles contra unha casa en Gaza resultando feridos leves, se ben Yassin foi asasinado seis meses máis tarde por helicópteros enviados por Israel.
Primeiro Ministro de Palestina (2006-2007) Dende tempo atrás, a década dos anos 90, era partidario de que Hamas se convertese en partido político e disputar o liderado palestino a Fatah nas eleccións. Malia ter un certo apoio, esta postura sempre foi minoritaria porque implicaría apoiar os Acordos de Oslo.
Porén, todo cambiou en a finais de 2005 e, en decembro, Haniyeh foi elixido para encabezar a lista de Hamas, que se presentou ás eleccións lexislativas palestinas do 25 de xaneiro de 2006 e, que ninguén en Hamas esperaba gañar, como sucedeu. Foi proposto o 16 de febreiro de 2006 como o novo primeiro ministro da Autoridade Nacional Palestina; o 20 de febreiro, foi presentado oficialmente ao Presidente Mahmoud Abbas, e o 29 de marzo de 2006, prestou xuramento.
Reaccións Tralas eleccións, Israel aplicou unha serie de medidas punitivas, incluídas sancións económicas, contra a Autoridade Nacional Palestina. O primeiro ministro en funcións, Ehud Olmert, anunciou que Israel non ía trasnferir á Autoridade Palestina uns 50 millóns de dólares ao mes de impostos que foron cobrados por Israel en nome da Autoridade Palestina. Haniyeh rexeitou as sancións, afirmando que Hamas non se desarmaría nin recoñecería a Israel. Haniyeh lamentou que Hamas fose sometido a medidas punitivas, e engadiu que "[Israel] debería ter respondido de forma diferente á democracia expresada polo pobo palestino". Estados Unidos esixiu que os 50 millóns de dólares en fondos de axuda exterior non gastados pola Autoridade Palestina fosen devoltos aos Estados Unidos, cousa que o ministro de Economía palestino, Mazen Sonokrot, acordou facer. Sobre a perda de axuda estranxeira dos Estados Unidos e da Unión Europea, Haniyeh comentou que: "Occidente sempre está usando as súas doazóns para presionar ao pobo palestino".
Varios meses despois da vitoria electoral de Hamás en 2006, Haniyeh enviou unha carta ao presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, na que pedía ao "goberno estadounidense que tivese negociacións directas co goberno electo", ofreceu unha tregua a longo prazo con Israel, mentres que aceptando un estado palestino dentro das fronteiras de 1967 e instou a fin do boicot internacional, alegando que "fomentaría a violencia e o caos" mais o goberno dos Estados Unidos non respondeu e mantivo o seu boicot.
Conflito con Abbas Mahmoud Abbas pretendía celebrar novas eleccións ou destituír ao goberno para limitar o poder de Hamas en Gaza e a tensión ía a máis até o punto de producirse combates entre milicianos de Fatah e de Hamas. Haniyeh, amosou o seu desacordo coas novas eleccións e pretendeu chegar a un acordo con Abbas. Porén, o 20 de outubro de 2006, na véspera deste acordo o convoi de Haniyeh, que volvía do campo de refugiados de Nusseirat, foi tiroteado e un dos coches foi incendiado. Haniyeh non resultou ferido no ataque e tanto fontes de Hamas, que dixeron que non se trataba dun intento de asasinato, como fontes de seguridade da Autoridade Palestina trataron de limitar o seu alcance ao informar que os atacantes eran familiares dun home de Fatah morto en enfrontamentos con Hamas e que se mantiñan os acordos e a aposta polo diálogo entre as faccións palestinas.
Prohibición de regreso a Gaza O 14 de decembro de 2006, cando Haniyeh regresaba a Gaza da súa primeira viaxe oficial ao estranxeiro como primeiro ministro, e levaba uns 30 millóns de dólares en efectivo destinados aos pagos da Autoridade Palestina, se lle prohibiu a entrada a Gaza desde Exipto no paso fronteirizo de Rafah. O paso fronteirizo foi pechado por orde do ministro de Defensa israelí, Amir Peretz e, posteriormente, as autoridades israelís declararon que permitirían que Haniyeh cruzase a fronteira sempre que deixase o diñeiro en Exipto e que sería transferido a unha conta bancaria da Liga Árabe. En resposta ao incidente, os militantes de Hamas pretenderon forzar o paso o que implicou un intercambio de disparos coa Garda Presidencial Palestina, responsables da seguridade, no paso fronteirizo. Segundo os informes, os monitores da UE que operaban o paso foron evacuados con seguridade.
Cando Haniyeh máis tarde intentou cruzar a fronteira, un intercambio de disparos deixou un gardacostas morto e o fillo maior de Haniyeh ferido. Hamás denunciou o incidente como un atentado do rival Fatah contra a vida de Haniyeh, que provocou tiroteos en Cisxordania e na Franxa de Gaza entre as forzas de Hamás e Fatah. Haniyeh foi citado dicindo que sabía quen eran os presuntos autores, pero non quixo identificalos e apelou á unidade palestina. Exipto ofreceuse a mediar na situación.
Goberno de Unidade Nacional Palestina de marzo de 2007 Haniyeh dimitiu o 15 de febreiro de 2007 como parte do proceso para formar un goberno de unidade nacional entre Hamas e Fatah que se formou o 18 de marzo de 2007. Mais, pouco despois, o 14 de xuño de 2007, no medio da batalla de Gaza, o presidente Mahmoud Abbas anunciou a disolución do goberno de unidade de marzo de 2007 e a declaración do estado de emerxencia. Haniyeh foi destituído e Abbas gobernou Gaza e Cisxordania mediante decretos presidenciais. Porén o enfrontamento armado entre Hamas e Fatah, concluíu coa expulsión deste grupo de Gaza que pasou a estar totalmente controlado por Hamas.
Despois da batalla de Gaza miniatura|Haniyeh, en 2012, presidindo a cerimonia de graduación da policía de Gaza. miniatura|Haniyeh reunido co ministro turco de cultura en novembro de 2012. A partir de 2016, Haniyeh trasladouse de Gaza a Qatar e mantivo a oficina política en Doha.
O 13 de outubro de 2016, o Comité Xurídico do Consello Lexislativo Palestino (PLC) aprobou unha solicitude para o retorno do goberno de Haniyeh á Franxa de Gaza, despois da súa dimisión o 2 de xuño de 2014, para formar un goberno de concentración nacional encabezado por Rami Hamdallah, despois de conseguir un acordo sobre o campo de refuxiados de Beach. O respaldo realizouse en resposta á revisión por parte do PLC dun estudo, enviado por membros do parlamento de Hamas, enfadados polos fallos gobernamentais percibidos tras a dimisión de Haniyeh. Nas propias palabras de Hamas, denunciando que o goberno de consenso "incumpre o acordo interno entre Hamas e as faccións da Organización de Liberación de Palestina para formar o goberno de consenso de 2014, e substituíu a varios ministros por líderes de Fatah, converténdoo nun goberno de Fatah". A pesar da recomendación do PLC e da petición de Hamas, tanto o goberno de consenso como Fatah rexeitaron a solicitude, citando nun comunicado de prensa a súa ilegalidade e o risco de novas divisións entre Gaza, controlada por Hamas, e Cisxordania.
Xefe da Oficina Política de Hamas (2017-2024) Dende setembro de 2016, circularon informacións sobre a sucesión de Khaled Mashaal por Haniyeh como líder de Hamás. Mashaal, Haniyeh e o presidente palestino Mahmoud Abbas reuníronse en Qatar, para discutir a reconciliación nacional e as próximas eleccións nacionais. Nesta reunión decidiuse que Haniyeh sucedería a Mashaal nas eleccións de 2016, fronte aos outros dous candidatos probables o membro de alto rango de Hamas, Moussa Mohammed Abu Marzook e, o líder de Hamas, Mahmoud Zahhar. Este feito supuxo que se convertese no líder político de Hamas a partir de 2017 e, que pouco despois, en 2018, fose incluído na lista dos Estados Unidos de terroristas globais. miniatura|Celebración en Gaza, do 25 aniversario da creación de Hamas (2012). En setembro, Haniyeh abandonou Gaza en setembro para visitar unha serie de estados árabes e musulmáns en preparación para o seu novo papel e trasladouse oficialmente á capital de Qatar, Doha, onde residía Mashaal, pois era tradición que o xefe da oficina política de Hamas residise fóra de Gaza, onde foi substituído por Imad al Alami.
En febreiro de 2020, Haniyeh reuniuse co presidente turco, Recep Tayyip Erdoğan; a reunión foi criticada polo Departamento de Estado dos Estados Unidos. En agosto de 2020, Haniyeh chamou a Mahmoud Abbas para comunicarlle que el tamén rexeitaba o acordo de normalización entre Israel e os Emiratos Árabes Unidos, que Abbas denominou como traizón, algo que Reuters cualificou de "rara mostra de unidade". Este achegamento entre Haniyeh e Abbas, propiciou tamén, o acordo entre Hamas e Fatah de 2021. En agosto de 2021, Haniyeh, foi reelixido para o cargo.
O 26 de xullo de 2023, Haniyeh reuniuse con Erdogan e o presidente da Autoridade Palestina, Mahmoud Abbas no que se quixo ver un intento por parte de Turquía para reconciliar a Fatah con Hamás.
Guerra Israel-Hamas