Nota: A numeración dos papas de nome Estevo é controvertida, ver Estevo, papa electo.

Estevo IV (V), nado en Roma e finado o 24 de xaneiro do 817, foi papa da Igrexa católica do 816 ao 817. Traxectoria Nado nunha familia aristocrática romana, era fillo dun nobre chamado Marinus. Tamén pertencían a esta liñaxe os Papas Serxio II e Hadrián II.

O seu breve pontificado (de tan só sete meses de duración) iniciouse ordenando ao pobo romano que prestase xuramento de fidelidade ao rei dos francos, Lois I o Piadoso; enviou emisarios ao emperador para lle notificar a elección e para concertar unha reunión entre os dous, segundo a comodidade do emperador. Coa invitación de Luís, Estevo saíu de Roma en agosto do 816, cruzando os Alpes acompañado de Bernaldo de Italia, rei dos longobardos, quen tiña orde de o acompañar ata o emperador. A principios de outubro, o Papa e o emperador reuníronse en Reims, onde Luís se prosternou tres veces ante Estevo. Na misa do domingo 5 de outubro do 816, Estevo consagrou e unxiu emperador a Luís, colocándolle unha coroa que se afirmaba que pertencera a Constantino I o Grande. Á vez tamén coroou á muller de Luís, Ermengarda de Hesbaye, tratándoa de Augusta Este feito interprétase como un intento por parte do Papado de se establecer un papel na coroación dun emperador, cousa que Luís puxera en dúbida coa autocoroación do 813.

Mentres estaba con Luís, o emperador deulle ao Papa Estevo unha serie de agasallos, incluíndo unhas terras (moi probabelmente en Vendeuvre-sur-Barse), para a Igrexa romana. Tamén renovaron o pacto entre os Papas e os reis dos francos, confirmando os privilexios da igrexa de Roma e a existencia dos recentemente creados Estados Pontificios.

Logo da coroación, e tras facer unha visita a Rávena, volveu a Roma, a finais de novembro do 816, onde morreu o 24 de xaneiro do 817.

Nalgún momento, Estevo foi canonizado como santo do igrexa católica.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Papas Categoría:Santos do catolicismo Categoría:Finados en 817