A mesquita de Córdoba, catedral de Córdoba, ou mesquita-catedral de Córdoba é o monumento máis senlleiro da arte andalusí que se atopa na cidade española de Córdoba. Foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 1984. O seu arquitecto é descoñecido, pero sábese que a mesquita foi construída entre o 785 e o 788 baixo o reinado de Abd al-Rahman I.
Comezou a construírse como mesquita no ano 785, coa apropiación e reutilización dos materiais da basílica hispanorromana de San Vicente Mártir, que se atopaba no seu lugar, polos conquistadores musulmáns. O edificio resultante foi obxecto de ampliacións durante o emirato de Córdoba e o califato de Córdoba. Con 23 400 metros cadrados, foi a segunda mesquita meirande do mundo en superficie, por detrás da mesquita da Meca, sendo só alcanzada posteriormente pola mesquita Azul (Istanbul, 1588). Unha das súas principais características é que o seu muro da quibla non foi orientado cara a Meca, senón 51º graos máis cara ao sur, algo adoito nas mesquitas de al-Andalus.
En 1238, logo da Reconquista cristiá da cidade, levouse a cabo a súa consagración como catedral da diocese coa ordenación episcopal do seu primeiro bispo, Lope de Fitero. O edificio contiña o cabido catedralicio da diocese de Córdoba, estando prohibido calquera culto colectivo ou rezo organizado non católico. En 1523, baixo a dirección dos arquitectos Hernán Ruiz, o vello e o seu fillo, construíuse a súa basílica cruciforme renacentista de estilo plateresco.
Hoxe, todo o conxunto constitúe o monumento máis importante de Córdoba, e tamén de toda a arquitectura andalusí, xunto coa Alhambra, así como o máis emblemático da arte omeia hispanomusulmá. Declarada como Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade como parte do centro histórico da cidade, incluíuse polo público entre os 12 Tesouros de España no 2007En xaneiro de 2008, a raíz dunha proposta televisiva de Antena 3, a Mesquita de Córdoba quedou no primeiro posto da lista dos "12 tesouros españois" dun total de 100 monumentos finalistas.«La Mezquita Catedral se alza con el título de mejor 'tesoro' de España» - Diario Córdoba e foi premiada como o mellor sitio de interese turístico de Europa e sexto do mundo segundo un concurso de TripAdvisor. No 2015, tivo 1,67 millóns de visitas, o que a converte nun dos monumentos máis visitados de España.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina oficial
Categoría:Córdoba Categoría:Catedrais de España Categoría:Patrimonio da Humanidade en Andalucía Categoría:Bens de Interese Cultural de Andalucía Categoría:Mesquitas de España Categoría:Igrexas católicas de España Categoría:Arte hispanomusulmá