O Instituto de Ensino Secundario Perdouro é un centro educativo público situado en Burela que imparte ensino de educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, e Formación Profesional Básica de Fabricación e Montaxe e de Administración e Servizos. Para o curso 2022-23, ofertan o Ciclo Superior de Mecatrónica industrial. Ademais, desenvolve o programa CUALE para a formación complementaria en linguas estranxeiras, co que obter o nivel B1 de portugués.

Depende da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Sitúase entre o IES Monte Castelo e o Hospital da Costa.

Historia A mediados dos anos 70, os estudantes de Burela que remataban a súa Educación Xeral Básica, tiñan que moverse a outras localidades se querían continuar a súa formación; ben sexa a relativa pouca distancia (Ribadeo, Mondoñedo ou Viveiro) ou ben máis lonxe, como Lugo ou A Coruña. En 1973, o Ministerio de Educación e Ciencia deu os primeiros pasos, solicitando ao entón concello de Cervo a cesión de terreos para construír en Burela un Centro de Bacharelato Unificado e Polivalente. Houbo varias ofertas da veciñanza para vender leiras destinadas á construción deste Centro, e dunha Escola de Formación Profesional. O 12 de marzo de 1975, o Pleno do Concello aprobou a adquisición dunhas leiras na zona de Os Matos, ás aforas do pobo. En 1978, publicouse o Real Decreto 2045/1978, de 29 de xuño, que poñía en marcha este Centro Nacional de Formación Profesional.

A inauguración foi o 7 de outubro de 1978, que sería recollida polo diario El Progreso ao día seguinte: esquerda|miniatura|Entrada principal.

Nos anos 80, foi concedida ao centro a Rama de Peiteado e Estética. Tamén foi creado a comezos do curso 1986-1987, o Consello Escolar, con representantes da comunidade docente e non docente, alumnado, proxenitores e o Concello; nel, informouse do acordo dos directores dos centros de FP de Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo, para a creación da revista gratuíta bimensual Formación Profesional da Mariña, cuxo primeiro número foi realizado integramente no por entón chamado Instituto de Formación Profesional de Burela. A partir do curso 1987-1988, o centro contaba tamén cunha emisora de radio.

A comezos dos anos 90, entraba en vigor a nova lei educativa: a LOXSE. Con ela, o centro comezaría a ofertar a ESO, Bacharelato e os Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior. No curso 1996-1997, o Consello Escolar propón o actual nome: IES Perdouro. Dous cursos despois, incorpórase o Primeiro Ciclo (1º e 2º) da ESO, para o que o centro empregou temporalmente parte das instalacións do Colexio Público Vista Alegre.

En 2016, fixéronse obras de ampliación no centro para implantar a FP Básica.

Proxectos dereita|miniatura|Edificio onde se imparte o Ciclo de Mecanizado. O centro realizou varias edicións de Encontros de Banda Deseñada, nos que se organizaron concursos.

Entre as actividades solidarias levadas a cabo polo centro, destacan as seguintes: Na Casa de Papel: doazóns ao Banco de Alimentos, a Cruz Vermella, Cáritas e o Concello de Burela. Gañou o Premio á Solidariedade e aos Dereitos Humanos da Rede Española Aprendizaxe-Servizo. Elaboración de 1.000 grúas de papel, en solidariedade co Xapón, polos Accidentes nucleares de Fukushima I.

A biblioteca do centro é unha das colaboradoras na Microrrede A Mariña, un proxecto colaborativo das bibliotecas escolares da Mariña que realizan diversos proxectos comúns, como algunhas exposicións.

O centro tamén participou no documental Cancelo Gurriarán, de Kaito Estudios, dirixido por Santiago Raimundi e emitido pola Televisión de Galicia. Estaba adicado a Florencio Delgado Gurriarán, escritor ao que se lle adicou o Día das Letras Galegas de 2022.

Asociación Cultural Os Matos

En decembro de 1993, púxose en marcha a Asociación Cultural Os Matos para dinamizar as actividades extraescolares do centro; o seu presidente foi o profesor Antón Niñe ata a súa xubilación en 2017. Ademais de diversas actividades culturais, puxeron en marcha a partir de 1995 o Cine-Club Os Matos, a revista Maruxía (editada pola comunidade educativa) e a edición en 1998 do libro IES Perdouro, 20 anos de vida. Tamén destaca o Encontro Multilateral Europeo, que reuniu en Burela alumnado de Alemaña, Bélxica, Italia e España.

A asociación tamén entrega premios en deportes (baloncesto ou fútbol sala) e diversos xogos (damas, xadrez e crebacabezas).

Modelo Burela esquerda|miniatura|Edificio 4. A localidade de Burela ten unha gran diversidade en canto á orixe dos seus habitantes, pero das súas 42 nacionalidades destaca (tras a galega, obviamente), a poboación procedente da República de Cabo Verde.

Dende 2008 inicia no centro o Modelo Burela, primeiro proxecto de planificación lingüística aprobado por unanimidade nunha vila galega e orientado á comunidade procedente de Cabo Verde, impulsado por profesores como Bernardo Penabade ou Karina Parga. Desde 2012 coordina en Radio Burela o programa radiofónico Proxecto Neo, centrado nas experiencias de persoas neofalantes do idioma galego. O programa reemítese posteriormente en dúas radios comunitarias: Cuac FM e Rádio Filispim.

A experiencia do centro en radio permitiu que gañasen premios relacionados con este medio de comunicación, como o concurso Educación sen fronteiras, ou a fase autonómica do certame radiofónico O galego na onda.

En 2011, gravouse unha longametraxe-documental no centro sobre o Modelo Burela, dirixido por Matías Nicieza, con guión do profesor Bernardo Penabade. En 2022, o primeiro capítulo do documental Aquí medra a lingua o realizado polo Consello da Cultura Galega, está adicado ao Modelo Burela.

O 14 de marzo de 2023, celebrouse na Biblioteca do IES Perdouro o I Día da Literatura Caboverdiana, coa lectura continuada do libro Chiquinho de Baltasar Lopes da Silva, escrita en crioulo caboverdiano. Na lectura participou boa parte do persoal do centro (docente e non docente, alumnado e familias), ademais de personalidades da cultura local, e da política como o Alcalde de Burela Alfredo Llano; ou o Diputado Nacional para a Diáspora de Cabo Verde, Francisco Pereira.

O modelo recibiu varios premios: 2015. Un dos seus traballos, Neofalantes iniciais: da alfabetización á fluidez comunicativa recibiu o premio de innovación educativa do Goberno galego.

2016. A Fundación Donostia recoñeceu ao Modelo Burela como unha das ''oito iniciativas galegas inspiradoras para outras comunidades lingüísticas.

2019. Premio Mil Primaveras.

Outra iniciativa para favorecer a integración desta comunidade foi impartir clases para docentes sobre lingua e cultura de Cabo Verde.

Actividades complementarias O alumnado do IES Perdouro participa de forma periódica en distintos torneos, como: A Olimpíada Científica Xuvenil Española, a de Química, a das Matemáticas e a de Xeoloxía. O Concurso-Exposición Letras Galegas 2014. O Certame literario Trapero Pardo. 2022: O programa de educación financeira Segura-Mente, e o programa Xeración Eco.

Galería de máquinas expostas

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Perdouro Categoría:Burela