Julián Zugazagoitia Mendieta, nado en Bilbao o 5 de febreiro de 1899, e finado en Madrid o 9 de novembro de 1940, foi un político, xornalista e escritor socialista español. Coñecido como Zuga nos ambientes políticos, tamén empregou os pseudónimos de Fermín e Julián Mendieta. Desempeñou a Secretaría Xeral de Defensa Nacional ó finalizar a guerra civil española. Tras exiliarse en Francia, foi capturado pola policía secreta alemá e entregado ás autoridades españolas. Morreu fusilado polo goberno franquista.
Traxectoria Carreira política Fillo dun obreiro metalúrxico, Fermín Zugazagoitia (en varios dos seus artigos usou como pseudónimo Fermín Mendieta), afiliouse ás Xuventudes Socialistas da agrupación bilbaína ó pouco de crearse, e da que foi presidente en 1920. Dende este posto, enfrontouse e opúxose ó proceso de escisión que daría lugar á creación do Partido Comunista de España. Estivo moi influído por Tomás Meabe, o propio Pablo Iglesias e Indalecio Prieto. Militante do Partido Socialista Obrero Español, o seu achegamento ás posicións máis moderadas dentro das organizacións socialistas debíase a que, máis que unha formación doutrinal, a súa elección estivo moi marcada polo humanismo. Durante a ditadura de Primo de Rivera foi condenado a desterro en Santoña, onde iniciou a súa carreira literaria.
Emulou ó seu pai e foi elixido concelleiro en Bilbao nas eleccións municipais de España de 1931 que propiciaron a fin da monarquía de Afonso XIII. Despois, obtivo a acta de deputado ó Congreso nas Eleccións Xerais de 1931 en España pola provincia de Badaxoz. Pertencía á póla centrista, "prietista" do PSOE.
Cofundador o 11 de febreiro de 1933 da Asociación de Amigos da Unión Soviética, creada nuns tempos nos que a dereita sostiña un ton condenatorio en relación ós relatos sobre as conquistas e os problemas do socialismo na URSS.
Guerra civil Durante a guerra civil foi un dos escasos dirixentes socialistas que ficou en Madrid ó producirse o asalto franquista en novembro de 1936. Ó caer o goberno de Largo Caballero, tralos sucesos de maio, foi nomeado Ministro da Gobernación con Juan Negrín con quen compartía a idea de que non se debía render o goberno lexítimo da república a os sublevados, aínda que foi contrario á participación do Partido Comunista no goberno e, nese senso, próximo ás teses de Indalecio Prieto. Ocupou o posto até abril de 1938. Dende esa data até a fin da guerra, desempeñou a Secretaría Xeral de Defensa Nacional.
Exilio e fusilamento Saíu ó final da guerra dende Cataluña até Francia e fixou a súa residencia en París, onde tras ser delatado foi detido o 27 de xullo de 1940 pola Gestapo (durante a ocupación nazi de Francia) e entregado ás autoridades franquistas xunto ó tamén xornalista socialista Francisco Cruz Salido, Teodomiro Menéndez, socialista asturiano, o director de escena Cipriano Rivas Cherif, cuñado de Manuel Azaña, e dous íntimos amigos deste: Carlos Montilla e Miguel Salvador Carreras. O autor da súa detención e posterior entrega en España foi o policía Pedro Urraca Rendueles."El cazador de rojos", El País Consultado o 5 de xaneiro de 2011 Nun xuízo sumarísimo e despois de tomar declaración a todos os procesados, o xeneral Arroyo deu por rematada a instrución da causa o 16 de outubro, cualificando os feitos relatados como constitutivos de delito de rebelión, previsto no artigo 237 e seguintes do Código de Xustiza Militar. En aplicación de devandito código, os seis procesados, agás Teodomiro Menéndez, foron condenados a morte, aínda que posteriormente Rivas Cherif, Montilla e Salvador foron indultados. O 9 de novembro, xunto con Francisco Cruz Salido e outros catorce presos, foi fusilado en Madrid nas tapias do cemiterio da Almudena.
Notas
Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Nados en 1899 Categoría:Finados en 1940 Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Políticos do País Vasco Categoría:Asasinados polo bando nacional Categoría:Ministros da Segunda República Española Categoría:Deputados nas Cortes da II República