O Hawker Siddeley HS 121 Trident (orixinalmente de Havilland D.H.121 e Airco DH 121) foi un avión de pasaxeiros británico de curto e medio alcance. Foi o primeiro avión de pasaxeiros coa cola en T e tres motores na parte traseira da fuselaxe en ser deseñado. Tamén foi o primeiro avión deste tipo en realizar unha aterraxe ás cegas en servizo no ano 1965.
O Trident apareceu como resposta a unha petición da aeroliña estatal British European Airways Corporation (BEA) solicitando un reactor de pasaxeiros para as súas principais rutas no oeste de Europa. O goberno persouadira a BEA para realizar esta petición a pesar da súa falta de vontade para mercar unha gran frota de reactores. Os requirimentos da aeroliña variaron moito na década dos 50 e unha década despois evolucionaron radicalmente lonxe do que o Trident podería ofrecer. A adaptación ás cambiantes especificacións de BEA foi amplamente vista como unha limitación ás solicitudes doutras aeroliñas e atrasou a súa entrada en servizo.
Durante a súa xestación, o Trident estivo tamén envolto nun plan do goberno para racionalizar a industria aeronautica británica. Os movementos corporativos e as intervencións do goberno resultante contribuíron a máis atrasos causando que entrase en servizo dous meses despois que o seu principal competidor, o Boeing 727, facendo que perdese máis vendas potenciais.
Cara ao final do programa en 1978 fabricáranse 117 Trident. O sucesor de BEA, British Airways, retirou os seus Tridents a mediados da década dos 80. O seu servizo rematou na China a principios dos anos 90.
Notas
Categoría:Aeronaves de Hawker Siddeley Categoría:Aeronaves de pasaxeiros Categoría:Aeronaves co primeiro voo en 1962