O voo 431 de Kenya Airways era un voo regular internacional de pasaxeiros entre as cidades de Abidjan, Lagos e Nairobi, operado por un Airbus A310-300, que se esnafrou no mar fronte a costa de Costa do Marfil o 30 de xaneiro de 2000, pouco despois de engalar no Aeroporto Port Bouet, en Abidjan. Había 179 persoas a bordo do avión, das cales 169 eran pasaxeiros. Só houbo dez superviventes. Foi o primeiro accidente con vítimas mortais de Kenya Airways e o peor dun Airbus A310.
Avión e pilotos O aparello involucrado no accidente era un Airbus A310-304 con rexistro 5Y-BEN e co nome "Harambee Star". Co número de serie 426, o avión entrou en servizo con Kenya Airways en setembro de 1986. Tiña rexistradas 58 115 horas de voo no momento do accidente. Estaba equipado con dous motores General Electric CF6-80C2A2, con número de serie 690 120 (babor) e 690 141 (estribor). Antes do accidente os motores acumularan 43 635 e 41 754 horas de voo respectivamente.
O voo estaba baixo o mando do capitán de 44 anos Paul Muthee, un experimentado oficial con 11 636 horas de voo, 1 664 delas nun Airbus A310. Cualificouse como piloto de A310 o 10 de agosto de 1986 e tamén podía voar Boeing 737-300, Boeing 737-200, Fokker 50 e Fokker 27, ademais de varios avións máis pequenos. O primeiro oficial era Lazaro Mutumbi Mulli, de 43 anos, que tiña 7 295 horas de voo, 5 768 nun A310. Ámbolos dous pilotos realizaran catro aterraxes e catro engalaxes con ese modelo de avión no aeroporto de Abidjan.
Accidente O voo saíu de Nairobi como o Voo KQ430, e debería aterrar en Abidjan tras unha escala en Lagos. Moitos nixerianos que viaxaban dende Dubai para realizar compras libres de impostos usaban ese voo. Ese día, despois de aprazar a parada en Lagos, o voo continuou directamente cara a Abidjan debido ás pobres condicións meteorolóxicas locais. Os ventos harmattan que sopraban cara ao sur dende o Sáhara fixeron que o ceo de Lagos se volvese infrecuentemente nubrado e todas as aterraxes ao seu aeroporto suspendéronse ese día. Tras unha escala de tres horas, o avión engalaou cara a Lagos ás 21:08 GMT e esnafrouse no océano Atlántico, a 2 quilómetros ao leste do aeroporto un minuto despois de saír. Despois do accidente a aeroliña estableceu un centro de crise no hotel InterContinental de Nairobi.
Notas
Kenya Airways Kenya Airways 0431 Kenya Airways