Sociedad Editora Universal (ás veces chamada «El Trust») foi unha importante empresa editorial e xornalística española que existiu durante as décadas de 1920 e 1930. Esta empresa foi a sucesora da Sociedad Editorial de España, propietaria dun grupo de xornais na España da restauración. O grupo estaba formado por Heraldo de Madrid, El Liberal de Madrid, El Liberal de Sevilla, El Defensor de Granada, El Liberal de Murcia, a revista Royal e o semanario La Moda Práctica.

Historia A sociedade constituíuse en 1923 cando os irmáns Manuel Busquets e Joan Busquets, xunto ó avogado Amadeu Hurtado, adquiriron o "trust" xornalístico Sociedad Editorial de España. Todos eles formaron o núcleo de accionistas até 1927, cando Hurtado se desvinculou da empresa. O administrador, Antonio Sancristán Zavala, foi o impulsor do acordo e anos máis tarde converteuse tamén en accionista. Os principais diarios da empresa eran o Heraldo de Madrid e El Liberal, ambos con sede na capital de España. Pola súa banda, El Liberal de Sevilla converteuse no principal diario da rexión andaluza, cunha tirada diaria de 50.000 exemplares.

A Sociedad Editora Universal foi un grupo editorial de grande éxito durante os seus anos de actividade, especialmente na etapa republicana, cando repartía dividendos do 11% do capital ós seus accionistas e emprendía fortes investimentos en maquinaria, como a rotativa Wifag encargada en Suíza en 1936. A estabilidade na propiedade foi a chave do crecemento dos xornais da sociedade que, no caso de Heraldo de Madrid, rompeu todas as marcas e tivo nestes anos unha traxectoria ascendente —en contraste co Liberal, que entrou nunha etapa de decadencia—. Isto supuxo que a empresa fose economicamente rendible, a diferenza dalgúns dos seus rivais como La Papelera Española, e permitise acometer —entre 1934 e 1936— unha forte expansión do capital social, que aumentou desde 1,8 millóns de pesetas até os 5 millóns.

Tras o estalido da Guerra Civil Española en xullo de 1936, a empresa sufriu as vicisitudes da contenda. Os xornais da sociedade foron incautados pola Falanxe Española a medida que as tropas franquistas entraban nas cidades españolas. O director do Defensor de Granada, Constantino Ruiz Carnero, morreu durante a represión na súa cidade, mentres que El Liberal de Sevilla foi arrasado polas tropas de Queipo de Llano cando este advertiu que se tentaban imprimir panfletos contrarios á sublevación militar. As publicacións que quedaron en zona republicana continuaron editándose baixo a xestión de comités obreiros. As instalacións de Heraldo de Madrid e El Liberal de Madrid na rúa do Marqués de Cubas foron ocupadas por un grupo de falanxistas o 27 de marzo de 1939, coincidindo co final da contenda.

Os bens de produción da sociedade foron incautados por FET e das JONS, e nunca foron devoltos nin indemnizados os seus propietarios a pesar das innumerables xestións realizadas desde data tan temperá como 1947 e até a máis recente iniciativa, tratada no Congreso dos Deputados en novembro de 2009.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Editoriais de España Categoría:Grupos de comunicación de España