Os mantodeos (Mantodea) son unha orde de insectos que comprende unhas 2.400 especies clasificadas nuns 430 xéneros e 15 familias, chamadas comunmente barbantesas, barbatesas, parraguesas, carballesas e galbanas. A maior das familias é a dos mántidos (Mantidae), e a especie máis coñecida é Mantis religiosa. As barbantesas están distribuídas por todo o mundo en hábitats temperados e tropicais. Teñen cabezas triangulares con ollos que sobresaen e pescozos flexibles. Os seus corpos alongados poden ter ás ou non, pero todos os mantodeos teñen un par de patas anterior modificado e agrandado, adaptado para capturar e agarrar presas; a súa postura ergueita, permanecendo estática e cos antebrazos dianteiros dobrados, fai que pareza que están en postura de rezar.
Os parentes máis próximos dos mantodeos son as térmites e cascudas (Blattodea), e todos están incluídos na superorde Dictyoptera. Os mantodeos son ás veces confundidos cos insectos pau (Phasmatodea), ou con outros insectos alongados como certos saltóns (Orthoptera) ou mesmo con outros insectos con patas dianteiras raptoras como os neurópteros Mantispidae. Os mantodeos son principalmente predadores de emboscada, mais existen unhas poucas especies que viven no chan que perseguen activamente as súas presas. Normalmente viven un ano. Nos climas máis fríos, os adultos poñen ovos en outono e despois morren. Os ovos están protexidos por duras cápsulas e eclosionan en primavera. As femias practican ás veces o canibalismo sexual, comendo as súas parellas despois da copulación.
Algunhas das primeiras civilizacións consideraban que as barbantesas tiñan poderes sobrenaturais, como se pensaba na Antiga Grecia, Antigo Exipto e Asiria. Un tropo cultural popular en debuxos humorísticos representa a barbantesa como unha muller fatal. As barbantesas están entre os insectos que con máis frecuencia se teñen como mascotas.
Taxonomía e evolución
Recoñécense unhas 2.400 especies de barbantesas nuns 430 xéneros. Atópanse predominantemente nas rexións tropicais, pero algunhas viven en áreas temperadas. A sistemática das barbantesas foi moi discutida durante moito tempo. As barbantesas, xunto cos insectos pau (Phasmatodea), foran antes situados na orde Orthoptera coas cascudas (agora Blattodea) e os griloblátidos (agora Grylloblattodea). Kristensen (1991) combinou os Mantodea coas cascudas e térmites na orde Dictyoptera, suborde Mantodea. O nome mantodea está formado pola palabra do antigo grego μάντις (mantis) que significa 'profeta' e εἶδος (eidos) que significa 'forma' ou 'tipo'. Foi acuñado en 1838 polo entomólogo alemán Hermann Burmeister.Online Etymology Dictionary mantis O nome mántido refírese propiamente falando só aos membros da familia Mantidae, a cal historicamente era a única familia da orde e segue sendo a máis numerosa en especies.Bragg, P.E. (1996) Mantis, Mantid, Mantids, Mantises. Mantis Study Group Newsletter, 1:4.
A clasificación que se adoita utilizar máis habitualmente é a proposta por Beier en 1968, quen dividiu a orde en oito familias. Klass, en 1997, estudou os xenitais externos dos machos e postulou que as familias Chaeteessidae e Metallyticidae diverxeran das outras familias nunha data temperá. Porén, os Mantidae e Thespidae son ambos polifiléticos, polo que Mantodea terá que ser revisado.
miniatura|Os neurópteros Mantispidae teñen patas anteriores raptoras igual que as barbantesas, pero as súas ás anteriores non son coriáceas.
Os primeiros fósiles de barbantesas datan de hai uns 135 millóns de anos e atopáronse en Siberia. Os fósiles deste grupo son raros: en 2007 só se coñecían unhas 25 especies fósiles. As barbantesas fósiles, incluíndo unha do Xapón con espiñas nas patas anteriores coma nas modernas barbantesas, encontráronse en ámbar do Cretáceo. A maioría dos fósiles en ámbar son ninfas; os fósiles de compresión (en rochas) inclúen adultos. As barbantesas fósiles da Formación Crato do Brasil inclúen o Santanmantis axelrodi de 10 mm de longo, descrito en 2003; igual que nas modernas barbantesas, as patas anteriores estaban adaptadas a capturar presas. Os espécimes ben preservados ofreceron detalles de só 5 μm grazas á tomografía computerizada de raios X.
Os Mantispidae, debido a teren patas raptorias similares, poden ser confundidos con barbantesas. Esta semellanza é un exemplo de evolución converxente; as Mantispidae non teñen ás coriáceas como as barbantesas.
Bioloxía
Anatomía
miniatura|Disposición das ás dunha barbantesa típica, un macho adulto de Raptrix perspicua, coas ás anteriores coriáceas e as posteriores triangulares
As barbantesas teñen cabezas grandes triangulares cun fociño parecido a un peteiro e mandíbulas. Teñen dous ollos compostos bulbosos, tres ollos simples pequenos, e un par de antenas. A articulación do pescozo é moi flexible; algunhas especies de barbantesas poden rotar a cabeza case 180°. O tórax da barbantesa consta de protórax, mesotórax e metatórax. En todas as especies excepto as do xénero Mantoida, o protórax, que leva a cabeza e as patas anteriores, é moito máis longa que os outros dous segmentos torácicos. O protórax está tamén flexiblemente articulado, e permite unha ampla gama de movementos da cabeza e patas anteriores mentres que o resto do corpo permanece máis ou menos inmóbil.
miniatura|esquerda|As patas anteriores raptoras, presentan coxas moi longas, as cales, xunto co trocánter, dan a impresión de ser un fémur. O fémur propiamente dito é o segmento proximal da parte de agarre da pata.
As barbantesas teñen patas anteriores adaptadas para agarrar e espiñosas ("patas raptoras") nas cales as presas son capturadas e aferradas con seguridade. Na maioría das patas de insectos, incluíndo as restantes catro patas posteriores dunha barbantesa, a coxa e trocánter combínanse formando a base da pata; porén, nas patas raptoras, a coxa e o trocánter combínanse para formar un segmento aproximadamente tan longo coma o fémur, que é unha parte espiñosa do aparato de agarre (ver ilustración). Na base do fémur hai un conxunto de espiñas discoidais, xeralmente catro, pero pode non haber ningunha ou haber cinco dependendo da especie. Antes destas espiñas hai varios tubérculos parecidos a dentes, que, xunto cunha serie similar de tubérculos ao longo da tibia e a garra apical preto do extremo, danlle á pata anterior das barbantesas a súa capacidade de agarre das presas. A pata anterior acaba nun delicado tarso usado como apéndice para camiñar, formado por cinco segmentos e acabado nunha garra de dous dedos sen arolio.
As barbantesas poden ser categorizadas grosso modo como macrópteros (de ás longas), braquípteros (de ás curtas), micrópteros (de ás vestixiais), ou ápteros (sen ás). As especies que non carecen de ás teñen dous pares de ás: o externo ou tegmen, é xeralmente estreito e coriáceo. Funcionan como camuflaxe e como escudo protector das ás posteriores, que son máis claras e delicadas. O abdome de todas as barbantesas consta de 10 terxitos, cun grupo correspondente de nove esternitos visibles nos machos e sete visibles nas femias. O abdome adoita ser máis delgado nos machos que nas femias, pero acaba nun par de cercos en ambos os sexos.
Vista miniatura|esquerda|Cabeza de Archimantis latistyla, mostrando os ollos compostos e o labro.
As barbantesas teñen unha visión estereoscópica tridimensional. Localizan as súas presas pola vista; os seus ollos compostos conteñen ata 10.000 omatidios. Unha pequena área da parte frontal chamada a fóvea ten unha maior agudeza visual que o resto do ollos e pode producir a alta resolución necesaria para examinar as presas potenciais. Os omatidios periféricos serven para percibir o movemento; cando se detecta un obxecto, rotan a cabeza rapidamente para poñer o obxecto no campo visual da fóvea. Os seguintes movementos da presa son rastreados polos movementos da cabeza da barbantesa para manter a imaxe centrada na fóvea. Os ollos están moi separados e situados lateralmente, proporcionando un amplo campo de visión binocular e unha precisa visión estereoscópica a curta distancia. A mancha escura que hai en cada ollo que se move a medida que rota a cabeza é unha pseudopupila. Isto orixínase porque os omatidios que ven sobre a parte frontal da cabeza absorben a luz incidente, mentres os dos lados reflíctena.
Como a súa caza depende tanto da vista, as barbantesas son principalmente diúrnas. Porén, moitas especies voan de noite e poden ser atraídas pola luz artificial. Os mantodeos da familia Liturgusidae capturados con luz artificial son predominantemente machos;Bragg, P.E. (2010) A review of the Liturgusidae of Borneo (Insecta: Mantodea). Sepilok Bulletin, 12: 21-36. e isto probablemente é tamén certo para a maioría dos mantodeos. O voo nocturno é especialmente importante para que os machos localicen as menos móbiles femias detectando as súas feromonas. O voo nocturno expón as barbantesas a menos paxaros depredadores que o voo diúrno. Moitas barbantesas teñen tamén un órgano auditivo torácico que lles axuda a evitar os morcegos ao detectar os ultrasóns para a ecolocación que estes emiten e responden con movementos evasivos.
Dieta e predación miniatura|esquerda|Barbantesa comendo unha bolboreta Mycalesis perseus á que lle arrincou as ás.
As barbantesas son predadores xeneralistas de artrópodos. A maioría das barbantesas son predadores de emboscada que só comen presas vivas dentro do seu alcance. Poden camuflarse e permanecer estacionarias, esperar a que as presas se aproximen ou axexar as súas presas seguíndoas con movementos lentos e silandeiros. As barbantesas máis grandes ás veces comen individuos máis pequenos da súa propia especie, e mesmo pequenos vertebrados como lagartos e ras.
miniatura|Tenodera sinensis alimentándose dun grilo. A maioría das barbantesas perseguen presas tentadoras se camiñan o suficientemente preto, e máis aínda se están especialmente esfameadas. Unha vez que están dentro do seu alcance, as barbantesas atacan rapidamente para atrapar as presas coas súa patas raptoras espiñosas. Algunhas especies que viven no chan ou na codia das árbores perseguen as súas presas de forma máis activa. Por exemplo, especies duns poucos xéneros como as barbantesas do chan, Entella, Ligaria e Ligariella corren polo chan seco buscando presas, de forma parecida ao que fan os escaravellos tigre (Cicindelinae). miniatura|Ligariella, un mántido do chan que corre para atrapar a súa presa.
O intestino anterior dalgunhas especies esténdese por toda a lonxitude do insecto e pode usarse para almacenar a presa para facer unha dixestión posterior. Isto pode ser vantaxoso para un insecto que se alimenta intermitentemente. As barbantesas chinesas (Tenodera sinensis) viven máis tempo, crecen máis rápido e producen máis crías cando poden comer pole.
Adaptacións antipredadores
As barbantesas son depredadas por vertebrados como ras, lagartos e aves, e por invertebrados como arañas e formigas. Xeralmente, as barbantesas protéxense camuflándose, a maioría das especie porque son de cores crípticas que se parecen á follaxe ou a outros fondos, e isto serve para evitar os predadores e para atrapar mellor as presas. As que viven en superficies coloreadas uniformemente como a terra espida ou codias de árbores están aplanadas dorsoventralmente para así eliminar as sombras que poderían revelar a súa presenza. As especies de diferentes familias chamadas barbantesas flor son imitadores agresivos: polo seu aspecto lembran flores moi convincentemente para atraer as presas que veñen a recoller pole e néctar. Algunhas especies de África e Australia poden volverse negras despois dunha muda ao final da estación seca; nesta época do ano, ocorren incendios nas matogueiras e esta coloración fai que se confundan coa paisaxe anegrada pola cinza e a carbonización, o que se chama melanismo polo lume ou incendios. miniatura|Mimetismo agresivo: As barbantesas das orquídeas malaias están camufladas de rosa ou amarelo, imitando a cor das orquídeas locais.