Juan Carlos Rodríguez Cebrián, nado en Ourense en maio de 1954, é un empresario galego, que foi director xeral de Inditex a finais do século XX.

Traxectoria empresarial Nacido en Ourense, criouse na Coruña, onde xogou ao fútbol como dianteiro nas filas do Ural, o Ciudad Jardín e o Carral. Con todo, destacou especialmente como xogador de hóckey a patíns, formando parte do primeiro cadro de xogadores do HC Liceo e conseguindo o ascenso á División de Honra.

Comezou a traballar en 1978 en Zara, no que posteriormente se habería converter no grupo Inditex. Grazas a unha ampliación de capital en 1992 a súa muller Dolores Ortega, sobriña de Amancio Ortega, entrou no accionariado do conglomerado de empresas téxtiles. Rodríguez Cebrián pasou a ser conselleiro executivo desde 1997.

En 2005 abandonou Inditex e posteriormente en 2006, grazas aos beneficios obtidos trala saída a bolsa da empresa téxtil, entrou no capital de Fadesa cando Manuel Jove lle vendeu a compañía a Fernando Martín.

En setembro de 2006 desfíxose de todas as súas accións en Unión Fenosa por 6,4 millóns de euros e en decembro dese mesmo ano adquiriu o 9% da empresa inmobiliaria Hábitat, que acabaría en concurso de acredores.

En 2011, coa venda do seu 20% do Grupo Modelo, abandonou o proxecto empresarial do sector sanitario que iniciara en 2004 coa adquisición da Maternidad Belén.

Tamén é dono da promotora inmobiliaria Dricar, á que o Tribunal Supremo de España deu a razón en 2015 nunha disputa co Concello da Coruña, pola superficie edificábel no antigo convento das Adoratrices, na Agra do Orzán.. Esta empresa tamén era propietaria en 2017 dos terreos da antiga fábrica de cosméticos La Toja, ao pé da ponte da Pasaxe, habitada durante décadas por familias xitanas.

En 2016 asumiu o control en solitario do recentemente creado espazo de espectáculos coruñés Sala Pelícano.

Azueiras En 2013, ante a previsíbel saída de Augusto César Lendoiro da presidencia do Deportivo da Coruña, houbo un ruxe ruxe sobre a súa posíbel candidatura para liderar un novo consello de administración, feito que desmentiu o propio Rodríguez Cebrián, neto doutro expresidente deportivista: Jesús Cebrián.

En 2014 o candidato localista Carlos Marcos desmentiu que Rodríguez Cebrián estivera a apoiar economicamente a candidatura de Unión Coruñesa.

Vida persoal Está casado con Dolores Ortega, empresaria e sobriña de Amancio Ortega

Notas

Categoría:Inditex Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1954 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Xogadores de hóckey a patíns de Galicia Categoría:Xogadores do H.C. Liceo