Ramón Fraga Couceiro, coñecido como Parará, Pedro e Saturno, nado en Centroña (Pontedeume) o 2 de febreiro de 1907 e finado en Sillobre no inverno de 1945, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria Carpinteiro e inspector de arbitrios. Implicado nas protestas pola detención de José Varela Porca, Francisco Rodríguez Maroño e José María Blanco Barros acusados do incendio da igrexa de Castro, intentan detelo 13 de abril de 1936. Preséntase o 6 de maio e ingresa en prisión preventiva ata o 17, en que foi posto en liberdade provisional coa obriga de presentarse os sábados ante a Garda Civil.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e botouse ao monte. Foi reclamado polo Goberno civil da Coruña en setembro de 1936.La Voz de Galicia, 26-9-1936, p. 4. Foi xulgado en Ferrol por rebelión militar e declarado en rebeldía. Incoáronlle expediente de responsabilidades políticas en agosto de 1941.Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña, 26-8-1941, p. 1. Foi enlace da guerrilla na zona de Lugo. Participou no axustizamento do falanxista José Rodríguez Rivera con Manuel Piñeiro Antón e Jesús López Ardao en novembro de 1944. Despois dunha incursión en 1945 regresou á comarca de Eume e adoptou unha dobre actitude, actuou como guerrilleiro no grupo de José Vázquez Mauriz e Ramiro Martínez López e realizou ataques pola súa conta (parece que esquilmou os veciños da Capela para comprar un barco para fuxir a Francia). As súas actividades delitivas motivaron a súa eliminación pola propia guerrilla no monte Marraxón (Sillobre) no inverno de 1945. O seu corpo foi atopado no monte Marraxón o 17 de xaneiro de 1946.
Vida persoal
Casou con María Allegue Ferraces e foi pai de catro fillos.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia
Categoría:Nados en Pontedeume Categoría:Nados en 1907 Categoría:Finados en 1945 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes