Saliut 4, tamén coñecida como DOS-4, foi a cuarta estación espacial da Historia e a segunda exitosa de tipo DOS despois da Saliut 1. A segunda e terceira foron as Saliut 2 e Saliut 3, ambas estacións militares de tipo Almaz. Foi lanzada o 26 de decembro de 1974 pola extinta Unión Soviética mediante un foguete Proton K desde o cosmódromo de Baikonur.
Características Saliut 4 foi a segunda estación espacial de tipo DOS (acrónimo en ruso de Dolgovremennaya Orbitalnaya Stanziya, estación espacial duradeira), derivada das estacións militares do proxecto Almaz, e a primeira da segunda fase de dito tipo. Entre a Saliut 1 e a Saliut 4 intentaron lanzarse outras dúas estacións DOS, a segunda das cales quedou destruída durante un fallo no lanzamento e a terceira chegou a órbita (pasándose a denominar Kosmos 557) para reentrar na atmosfera despois de perder o control e antes de ser visitada por unha tripulación. A masa de Saliut 4 no momento do lanzamento era de 18.500 kg.
A estación levaba dúas toneladas de equipamento científico a bordo. A enerxía era proporcionada por tres paneis solares rotatorios. Entre a instrumentación científica atopábase:
O telescopio solar OST-1, cunha apertura de 25 cm e 2,5 m de distancia focal. Dous telescopios de raios X. Unha cadeira para o estudo do sistema vestibular dos cosmonautas. Un traxe de presión negativa para a parte inferior do corpo co fin de facer estudos cardiovasculares. Unha bicicleta estática para exercicios dos cosmonautas. Traxes para exercicios. Quince experimentos médicos distintos. Sensores para medir a temperatura e características da atmosfera superior. Cámaras e espectrómetros infravermellos e ultravioleta para o estudo da Terra. Un detector de raios cósmicos. Material para estudos embriolóxicos. Instrumentos para probas de orientación da estación mediante obxectos celestes na escuridade. Un novo sistema de navegación autónoma.
A estación foi inxectada nunha órbita inicial de 270 km de apoxeo, 219 km de perixeo e 51,6 graos de inclinación orbital. Reentrou na atmosfera terrestre o 2 de febreiro de 1977.
Resultados científicos
Entre outras observacións, desde Saliut 4 estudiouse as fontes de raios X Sco X-1, Cir X-1, Cyg X-1 e A0620-00, detectándose un fluxo de baixa enerxía (no rango entre 0,6 e 0,9 keV) altamente variable en Sco X-1.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Proton K Almaz Saliut 1 Saliut 6 Saliut 7
Categoría:Estacións espaciais