Santiago de Masoucos é unha parroquia que se localiza no concello lugués de Castroverde. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 47 habitantes (27 homes e 20 mulleres), distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999, cando tiña 54 habitantes. Amais dos lugares de Masoucos e Trascastro, no Barreal hai unhas 5 casas e unha acea, separadas claramente do núcleo de Masoucos.
Xeografía Está situada nunha costa, na aba da serra de Mordei. Limita coas parroquias da Frairía ó norte, Barreiros e Riomol ó sur, A Esperela e Pousada (as dúas do concello de Baleira) ó leste e A Frairía e Barreiros ó oeste.
O clima é oceánico con matices continentais, cunha oscilación térmica de máis de 20 °C entre temperaturas invernais baixas (-5,6 °C en xaneiro) e as suaves do verán (17,7 °C). A pluviosidade é duns 1.000 mm anuais.
Está regado polo rego de Masoucos, tamén chamado Cubeiro. Ten moitas fontes: Abelleira, Alargo, Barral, Caspalledo, Cubeiro, Grobiña, Lamas, Masoucos de Arriba, dos Pollos, Reboira, Senela, Travesela e Trascastro.
Entre os seus montes destacan A Devesa (798 metros) e O Puñago (820 metros).
Monumentos O templo parroquial, rodeado do adro e do camposanto, está levantado sobre un antigo castro, no cumio dun outeiro. Existe unha cova cerca da igrexa que segundo a lenda foi feita polos mouros e que podería ter conexión co castro. A igrexa parroquial presenta unha nave rectangular, co teito de madeira a dúas augas sobre tres vigas tirantes. Ten unha porta na fachada sur. Frontispicio de perpiaño de bos bloques de pedra granítica. A porta é adintelada. Espadana dun corpo con dúas troneiras, e unha campá; cimacio cunha troneira e tres pináculos. Protexe o acceso un amplo e forte cabido, cerrado por unha repisa con só acceso frontal; sobre da repisa, como baseamento corrido, elévanse seis piares que soportan o teito, a tres augas. Pola parte interior unha repisa corrida ou podio que serve para asento.
O presbiterio é algo máis amplo e elevado cá nave, e cóbrese ás catro augas; con muros caleados, igual que a nave. Arco triunfal de medio punto, rebaixado, de impostas saíntes e pilastras. A sancristía está na parte posterior, na mesma liña, pero máis baixa, a tres augas, con dúas portas de acceso desde o presbiterio.
O retablo maior é sinxelo e neoclásico, sen tallas. O retablo sur, de 2 metros, é barroco, con dúas columnas salomónicas con motivos da vide. Santiago o Maior, de 0,70 m, titular; santa María Madanela, de 0,80 m, de sabor romántico; O Salvador, de 0,80 m, bendice coa dereita e sostén a bola do mundo na esquerda. Tallas populares do século XV. Cáliz sinxelo, de prata, de 0,21 m.
O castro, que serviu como localización para esta igrexa, xa case non é perceptible (vese ben desde a foto aérea). Descubríronse varios sartegos (sarcófagos) neste castro, e algún deles aproveitouse nas reformas da tapia do adro da igrexa.
Historia Trala división territorial de España en 1833 a parroquia de Masoucos pasou a formar parte do concello de Neira de Rei. En 1840 pasou a formar parte do concello de Neira de Xusá. O veciño de Masoucos, Constantino Dourado, foi elixido presidente do Sindicato Agrícola Republicano de Castroverde no ano 1933El Pueblo Gallego, domingo, 19 de febreiro de 1933, px. 9..
Lugares e parroquias Lugares de Masoucos
Parroquias de Castroverde
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Castroverde Concello de Neira de Rei
Ligazóns externas Blog de Masoucos Páxina Web da AAVV Masoucos Concello de Castroverde
Categoría:Parroquias de Castroverde