Marquee Moon é o álbum de estrea da banda estadounidense de rock Television, publicado o 8 de febreiro de 1977 a través do selo Elektra Records. Nos anos anteriores ao disco o grupo convertérase nunha prominente peza da escena musical de Nova York e xerara o interese de bo número de selos discográficos. Television ensaiu intensamente na preparación de Marquee Moon e, tras asinar con Elektra Records, gravou o traballo no estudio A & R Recording en setembro de 1976. Foi producido polo líder da banda Tom Verlaine e o enxeñeiro Andy Johns.
Para Marquee Moon, Verlaine e o guitarrista Richard Lloyd abandonaron os acordes potentes do punk rock contemporáneo en favor dunha interacción, liñas melódicas e contramelodías inspiradas no rock e o jazz. A música resultante está en gran parte impulsada por retrousos con partes instrumentais complexas (particularmente en temas máis longos como "Marquee Moon"), ao tempo que evoca temas de adolescencia, descubrimento e transcendencia a través de imaxinería en modos urbanos, pastorais e nocturnos, incluíndo referencias á xeografía do Baixo Manhattan. Influenciada pola poesía bohemia e francesa, as letras de Verlaine tamén conteñen xogos de palabras e dobres sentidos destinados a darlles ás cancións unha calidade impresionista ao describir a súa percepción dunha experiencia.
Lanzado cunha ampla aclamación, Marquee Moon foi loubado pola crítica como un desenvolvemento musical orixinal na música rock. O recoñecemento da crítica axudou ao álbum a alcanzar un éxito comercial inesperado no Reino Unido, a pesar das baixas vendas nos Estados Unidos. Entre os lanzamentos musicais máis aclamados da historia, aparece constantemente en listas de álbums seleccionadas por profesionais, incluíndo varias edicións da lista Os 500 mellores álbums de todos os tempos da revista Rolling Stone, na que ocupou o posto 128 na lista de 2003 e o 107 na de 2020. Marquee Moon tamén demostrou ser un disco fundamental do rock alternativo, xa que a innovadora instrumentación de Television no álbum influíu fortemente nos movementos posteriores de post-punk, new wave e indie rock da década de 1980 e no rock en xeral.
En xullo de 2016 a publicación dixital Paste colocouno no posto 1 da súa lista dos 50 mellores álbums de post-punk.
Listaxe de cancións Todos os temas compostos por Tom Verlaine agás onde se indique.
Notas
Categoría:Álbums de Television Categoría:Álbums musicais de 1977 Categoría:Álbums de Elektra Records Categoría:Álbums de estrea