Nieves Fariza Alonso, nada en Cambados o 17 de xaneiro de 1911 e finada en Vigo o 28 de setembro de 1975, foi unha mestra e sindicalista galega.
Traxectoria Filla do sarxento da Garda Civil Emilio Fariza San Román e de Teodora Alonso Ríos, irmá de Antón Alonso Ríos. Estudou o Bacharelato Universitario en Santiago de Compostela en 1929.El Eco de Santiago, 29-4-1929, p. 2. Creou e dirixiu a academia Escuela Moderna na Estrada en 1933.El Emigrado, 7-2-1933, p. 4. Foi mestra da escola privada do Sindicato de Guimarei que abriu o 5 de abril de 1934.El Emigrado, 7-4-1934, p. 3. Foi mestra en Xacebáns (Quintela de Leirado), onde amosou a súa oposición á Igrexa católica negándose a impartir clases de relixión.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 agochouse en diferentes faiados da Estrada. Foi sancionada en 1940 con suspensión de emprego e soldo durante dous anos e traslado fóra da provincia. Foi destinada a Solduengo (Burgos) e ao rematar o castigo destinárona a Arcucelos (Laza).La Región, 12-7-1952, p. 4. O seu marido Carlos Martínez, traballador do ferrocarril, morreu de silicose en 1947. Enfrontouse cos empresarios de MZOV para esixirlles o pago de pensións ás viúvas dos operarios ferroviarios afectados pola silicose que carecían de seguridade social, polo que foi coñecida por «A desenterramortos». Tamén defendeu os operarios do ferrocarril conseguindo a mellora das súas condicións salariais ao lograr que se lles aboase o desprazamento ata os seus postos de traballo, gañando o sobrenome de «A dos quilómetros». Foi denunciada por exercer de laboralista sen estar en posesión do título e condenada a prisión. Defendeuna o avogado ourensán Luis Pérez Colemán. Cando saíu en liberdade matriculouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, obtivo o título de Graduado Social en 1953 e abriu o consultorio social Adelante na rúa do Paseo de Ourense co que fora o seu avogado. O bufete tivo continuidade cando remataron as obras do ferrocarril nas sucursais que abriron noutros puntos de Galicia e na conca mineira asturleonesa. Despois foi mestra en Domecelle (San Xoán de Río),La Región, 3-7-1957, p. 2. Corvelle (Bande) e Aciveiro (Forcarei).
Finou en Vigo o 28 de setembro de 1975.Necrolóxica en Hoja Oficial del Lunes, 29-9-1975, p. 6, 16.
Vida persoal
Casou con Carlos Martínez e foi nai de María Elisa, Carlos e José Emilio Martínez Fariza.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Nieves Fariza e as “viúvas da vía”
Categoría:Profesores de Galicia Categoría:Represaliados polo franquismo
Categoría:Nados en Cambados Categoría:Nados en 1911 Categoría:Finados en 1975
Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes