Solar Mesosphere Explorer, coñecido tamén polo seu acrónimo SME e como Explorer 64, foi un satélite artificial da NASA lanzado o 6 de outubro de 1981 mediante un foguete Delta 2310 desde a base Vandenberg da Forza Aérea, en California.

Características A misión de SME foi estudar a creación e destrución do ozono na mesosfera terrestre e na estratosfera superior, relacionándoo co fluxo de luz solar ultravioleta e coa temperatura en ditas capas atmosféricas. Tamén investigou a relación entre o ozono e o vapor de auga e o dióxido de nitróxeno.

O satélite, pertencente ao programa Explorer, estabilizábase mediante xiro a 5 r.p.m., co eixo de xiro perpendicular ao plano orbital, e estaba situado nunha órbita heliosincrónica. Tiña forma de cilindro de 1,7 m de alto e 1,25 m de diámetro e estaba composto por dous módulos: o módulo de observación, cos instrumentos científicos, e o bus da nave, cos sistemas de enerxía, propulsión e comunicacións. O sistema de mando e control podía executar comandos tanto en tempo real como almacenados na memoria do satélite. A enerxía era proporcionada por células solares que alimentaban unha batería de níquel-cadmio.

Como instrumentos, SME levaba a bordo un espectrómetro solar ultravioleta, un espectrómetro no ultravioleta para o ozono, un radiómetro infravermello, un espectrómetro para lonxitudes de onda de 1,27 micrómetros e un espectrómetro para o dióxido de nitróxeno, así como un detector de protóns solares para o rango entre 30 e 500 MeV.

Tódolos instrumentos da nave foron apagados en decembro de 1988 por problemas de enerxía a bordo. O contacto co satélite perdeuse o 14 de abril de 1989 despois dun fallo coa batería e reentrou na atmosfera terrestre o 5 de marzo de 1991.

Véxase tamén

Outros artigos Delta 2310

Notas

Categoría:Programa Explorer