Thomas Edward Lawrence, máis coñecido como Lawrence de Arabia, nado en Tremadoc (Gales) o 16 de agosto de 1888 e finado en Bovington Camp (Dorset) o 19 de maio de 1935, foi un arqueólogo e escritor británico, oficial do exército británico durante a primeira guerra mundial, en que desenvolveu un notable papel como enlace durante a rebelión árabe contra o dominio otomán.
Traxectoria Infancia e mocidade miniatura|esquerda|200px|Os irmáns Lawrence en 1910, Thomas Edward é o primeiro pola esquerda. Thomas Edward Lawrence naceu en Gales, fillo ilexítimo de Thomas Robert Tighe Chapman, aristócrata terratenente anglo-irlandés que abandonou a súa esposa e as súas catro fillas para unirse a Sarah Junner (tamén Sarah Lawrence), institutriz das rapazas que pola súa educación era escocesa mais polas súas raíces era en parte inglesa e en parte escandinava.Liddell Hart, T.E.Lawrence, In Arabia and After,Jonathan Cape, Londres 1964 páx. 13 Thomas Edward foi o segundo dos cinco fillos da nova parella. Durante a infancia destes a familia trasladouse varias veces de domicilio entre Irlanda, Gales, Escocia e Francia, terminando esa vida nómade en Oxford, onde a familia se asentou definitivamente en 1896. No verán dese ano Thomas Edward entrou no Oxford City High School onde estudou ata graduarse no verán de 1907. O seu interese pola historia medieval, polas Cruzadas e a arqueoloxía remóntase á súa época de colexial e ás excursións a pé e en bicicleta co seu pai e irmáns para visitaren castelos e sitios arqueolóxicos. Nas vacacións escolares de 1906 e 1907 fixo extensas viaxes en bicicleta por Francia durante os que se forxou o seu plan de estudar a arquitectura militar das Cruzadas.
En outubro de 1907 matriculouse no Jesus College da universidade de Oxford cunha pequena bolsa. Animado por David George Hogarth, arqueólogo especialista en Oriente Medio e director do Ashmolean Museum de Oxford, emprendeu no verán de 1909 a súa primeira viaxe a Oriente Medio que o levou —case sempre a pé— dende o norte de Palestina, pola costa do Líbano e parte de Siria occidental ata a rexión do río Éufrates. O principal obxectivo da viaxe era recoller material para a súa tese sobre a arquitectura militar das Cruzadas que presentou en 1910 co título The influence of the Crusades on european military architecture, publicada despois da súa morte co título de Crusader Castles.
En outono de 1910 Lawrence foi invitado polo seu mentor Hogarth a unirse á expedición arqueolóxica que o Museo Británico organizara para traballar nos sitios hititas de Karkemish, ás beiras do Éufrates. Durante varias tempadas de escavacións baixo a dirección de Leonard Woolley, entre 1910 e 1914, Lawrence confirmou a súa afección pola arqueoloxía, mais tamén ampliou os seus coñecementos da lingua e a cultura árabes; descubriu ademais o seu interese polos problemas histórico-políticos da rexión. A iso contribuíu seguramente a relación de afecto e amizade con Dahum, un mozo peón que traballaba nas escavacións.
A comezos de 1914, e de acordo co Museo Británico, Woolley e Lawrence foron enviados pola Palestine Exploration Fund á península do Sinaí onde debían unirse á expedición do capitán Stewart Newcombe. A función dos arqueólogos era dar unha aparencia académica ao que en realidade era un estudo topográfico de carácter militar. En marzo Lawrence estaba de volta en Karkemish, onde comezou a redactar o informe para a Palestine Exploration Fund, titulado The Wilderness of Zin, que rematou en Oxford entre xuño e setembro.
A primeira guerra mundial miniatura|esquerda|Leonard Woolley (dereita) e T. E. Lawrence en Karkemish, Siria (1913). miniatura|Dahum, ao que Lawrence coñeceu e protexeu en Karkemish. Ao estalar a primeira guerra mundial, e trala declaración de guerra do Reino Unido a Alemaña o 4 de agosto de 1914, Lawrence presentouse inmediatamente como voluntario mais non foi admitido ata outubro na Geographical Section of the General Staff (GSGS), en Londres, primeiro como civil e máis tarde como segundo tenente-intérprete (2nd Lieutenant-Interpreter). En decembro foi destinado ao Cairo cando Gran Bretaña acababa de declarar a guerra a Turquía e Exipto fora proclamado protectorado británico. Alí entrou a formar parte con Newcombe e Woolley, entre outros, do acabado de formar Departamento de Intelixencia Militar. O seu traballo consistía en facer mapas e en recoller e interpretar información de diversas fontes. O Departamento participaba así mesmo en deseñar as estratexias de tipo político para seguir na rexión, que nesa primavera de 1915 aínda non estaban definidas totalmente mais que ían claramente no sentido dunha partición do Imperio Otomán ao final da guerra. Por unha banda estaba Francia co seu interese declarado por Siria, pola outra Rusia coas súas pretensións sobre os Dardanelos e Constantinopla mentres Gran Bretaña aspiraba a Mesopotamia e o porto de Alexandreta. E aínda que xa nesa data eran evidentes as diferenzas que existían entre os aliados sobre o futuro de Turquía, franceses e británicos estaban de acordo na necesidade de avivar a subversión das provincias árabes. O seu futuro era o problema candente.
En abril de 1916 chegou a unha crise a campaña iniciada en Mesopotamía polo mando inglés para protexer os intereses británicos no golfo Pérsico. O exército inglés baixo o mando do xeneral Townshend quedou atrapado en Kut al-Amara (Iraq), onde os turcos esixían a súa rendición incondicional. Lawrence foi enviado dende O Cairo en misión secreta para conseguir mediante un suborno dun millón de libras esterlinas que o comandante das forzas turcas, Jalil Pachá, levantase o sitio e permitise a retirada de Townshend e das súas tropas.Liddel Hart, History of the First World War, Londres 1982 páx. 155 Tras fracasar neste empeño Lawrence regresou ao Cairo.
Rebelión árabe Á súa volta ao Cairo en maio de 1916 a cuestión da rebelión árabe alcanzara un punto crítico. Avisados dos plans de insurrección entre os militares de Siria, os turcos acababan de executar vinte e un nacionalistas árabes en Damasco e estaban a punto de enviar tropas cara a Hiyaz, o outro centro insurreccional arredor do xerife da Meca, Husayn ibn Ali. A rebelión alí debía desencadearse inmediatamente baixo pena de ser sufocada rapidamente e efectivamente iniciouse o 5 de xuño contra todas as expectativas.
Os primeiros meses da rebelión foron tan azarosos como os plans de apoio por parte dos mandos ingleses no Cairo, ocupados en clarificar as súas atribucións e atentos a outra empresa prioritaria na península do Sinaí, que debía abrir unha nova fronte contra os turcos ao sur de Palestina. Cando Lawrence, xa ascendido a capitán, chegou o 16 de outubro a Jeddah, na costa do mar Vermello, acompañando como observador o enviado inglés Ronald Storrs en visita ao xerife Husayn, atopou unha situación preocupante coas forzas rebeldes descoordinadas e a axuda inglesa limitada á primeira liña costeira. A súa visita ao campamento de Faysal, terceiro fillo do xerife, foi decisiva. Neste home de 31 anos, culto e ascético, atopou unha personaxe coa que conxeniou coa capacidade de liderado, convencido coma el de que a rebelión árabe podía triunfar e levar ao establecemento dun estado árabe independente e soberano con capital en Damasco.T.E.Lawrence, Seven Pillars of Wisdom, Penguin, Londres 1964, páx. 98 Lawrence volveu ao Cairo cheo de entusiasmo pola causa árabe e con característica tenacidade logrou que a finais de novembro o destinase como enlace temporal ao exército irregular de Faysal, acampado en Yenbo.
Ao dar este paso Lawrence xa coñecía as promesas que dende O Cairo se lle fixeran a Husayn nos primeiros momentos da guerra, asegurándolle un estado panárabe independente baixo o seu goberno se unía as súas forzas cos aliados contra os turcos, o que se coñece como «compromiso McMahon» («MacMahon Pledge»).Tamén sabía Lawrence que este compromiso quedaba anulado polo posterior acordo secreto subscrito polos plenipotenciarios inglés e francés, Mark Sykes e Georges Picot, en maio de 1916, e que definía as ambicións territoriais de Inglaterra e Francia en Oriente Medio unha vez vencida Turquía. Con todo, Lawrence embarcouse na aventura árabe coa convicción de que se lograba establecer a insurrección árabe como un aliado de plena igualdade grazas á súa eficacia, e os árabes chegaban a Damasco antes que os seus aliados, conquistando así real e simbolicamente a súa independencia, o tratado de Sykes-Picot sería papel mollado.David Garnett, The essential T.E.Lawrence, Londres 1956, páx. 210-211
Este razoamento contraditorio e non obstante válido foi o que inspirou a súa intervención no avance das forzas irregulares de Faysal ao longo da costa do mar Vermello, con incursións no interior para atascar o ferrocarril de Hiyaz, esquivando as fortalezas turcas e levantando sucesivamente as tribos da zona nun exemplo de guerra de guerrillas.
miniatura|dereita|Lawrence en Aqaba, 1917 Coa toma por terra do inexpugnable porto de Aqaba, o 6 de xullo de 1917, o exército irregular de Faysal, situouse na á dereita do Exército Expedicionario Exipcio comandado polo xeneral Edmund Allenby. Lawrence non tardou moito en convencer a Allenby de que os irregulares árabes apoiados por un incipiente exército regular árabe eran os aliados imprescindibles para o planeado avance cara a Gaza, que caeu en outubro, e Xerusalén que caeu en decembro. Siria e a súa capital Damasco quedaban ao alcance da man.
O curso da guerra nas frontes europeas, a saída de Rusia da contenda a raíz da Revolución bolxevique de outubro-novembro de 1917 aceleraron tamén os acontecementos en Oriente Medio. A revelación polos bolxeviques dos tratados secretos aliados,A.J.P. Taylor, The First World War, Londres 1967, páx. 200 entre eles o tratado Sykes-Picot, agravou o dilema moral de Lawrence desgarrado entre a súa lealdade aos árabes e a súa lealdade á súa patria, e acrecentou o estrés psicolóxico baixo o que actuaba e o seu desgaste físico. Nese inverno do 17-18 emprendeu dende a súa base avanzada de Azrak no deserto sirio algunhas das súas accións máis arriscadas en territorio inimigo como o intento fracasado de dinamitar a ponte sobre o río Yarmuk (7 de novembro), o ataque ao tren en Minifir (12 de novembro) ou a incursión case en solitario a Daraa (20 de novembro). Nesta ocasión Lawrence foi detido por unha patrulla de recrutamento turca que non o recoñeceu a pesar de que a súa cabeza tiña prezo. Durante a súa detención foi salvaxemente maltratado e violado, mais conseguiu escapar con vida. A experiencia foi traumática e tivo consecuencias profundas e perdurables.
Cando Lawrence entrou triunfante en Damasco o 1 de outubro de 1918 na avanzada do exército irregular de Faysal non era o mesmo que desembarcou en Jeddah en outubro de 1916. Profundamente desilusionado polas desavinzas e a loita polo poder entre os aliados, anoxado polas atrocidades da guerra das que se sentía responsable en parte e deprimido polas perdas persoais sufridas durante a contenda, entre as que destacan a morte no campo de batalla, en Francia, dos seus dous irmáns e a morte de Dahum durante unha epidemia probablemente en Karkemish, Lawrence pediu o relevo ao xeneral Allenby o 4 de outubro e abandonou Damasco rumbo a Inglaterra vía O Cairo.Lawrence, ob.cit. páx. 684
Conferencia de paz e Colonial Office