As glándulas exócrinas son glándulas que producen e segregan substancias na superficie dun epitelio ou nun conduto. Exemplos de glándulas exócrinas son as sudoríparas, salivares, mamarias, ceruminosas, lacrimais, sebáceas e mucosas. Tamén o son aquelas que segregan ao tubo dixestivo. As glándulas exócrinas son un dos dous tipos de glándulas que existen no corpo humano, o outro son as glándulas endócrinas, que segregan os seus produtos directamente ao sangue. Tamén hai glándulas mixtas, como o fígado e páncreas son á vez exócrinas e endócrinas, as cales son exócrinas porque segregan bile e zume pancreático ao duodeno por medio de condutos, e son endócrinas porque segregan hormonas directamente ao torrente sanguíneo.
Clasificacións
Pola estrutura As glándulas exócrinas conteñen unha porción glandular e un conduto, cuxas estruturas poden utilizarse para clasificar a glándula. A porción correspondente ao conduto pode ser ramificada (chamada composta) ou non ramificada (chamada simple). A porción glandular pode ser tubular ou acinar, ou pode ser unha mestura das dúas (chamada tubuloacinar). Se a porción glandular se ramifica, entón a glándula denomínase glándula ramificada.
Polo método de secreción As glándulas exócrinas denomínanse glándulas apócrinas, holócrinas ou merócrinas baseándose en como se segregan os seus produtos. Secreción merócrina: as células excretan as súas substancias por exocitose; por exemplo, as células acinares pancreáticas. Secreción apócrina: evaxínase unha porción rodeada de membrana plasmática que contén a excreción. Secreción holócrina: toda a célula se desintegra para excretar a súa substancia; por exemplo, as glándulas sebáceas da pel.
Polo produto segregado As células serosas segregan proteínas non mucosas, xeralemnte encimas. Exemplos son as células principais gástricas e células de Paneth. As células mucosas segregan mucus. Exemplos son as glándulas de Brunner, glándulas esofáxicas e glándulas pilóricas. Glándulas mixtas que segregan tanto mucus coma outras proteínas. Exemplos son as glándulas salivares: aínda que a glándula parótide é predominantemente serosa, a glándula sublingual é principalmenre mucosa, e a glándula submandibular é unha glándula principalmente serosa. As glándulas sebáceas segregan sebo, un produto lipídico. Estas glándulas son tamén coñecidas como glándulas aceitosas, por exemplo, os gránulos de Fordyce e as glándulas de Meibomio.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Diagrama en mhhe.com
Categoría:Glándulas exócrinas