A igrexa de Garde (sueco: Garde kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Garde, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia Durante unha escavación realizada en 1968 atopáronse restos dunha stavkirke anterior no lugar onde se atopa a igrexa actual. Na veciñanza tamén se atoparon tumbas cristiás da época viquinga, que aínda contiñan as roupas dos defuntos. Varias pedras pintadas, de antes da época cristiá, tamén se atoparon na igrexa, sendo usadas como material de construción polos primeiros traballadores.
A primeira igrexa de pedra comezouse na década de 1130, e aínda quedan restos dela conservados na nave, incluídos uns poucos bancos de pedra tallados aínda en uso, e a base da torre. A torre foi ampliada durante o século XIII ata acadar a súa actual altura. O coro é a parte máis recente da igrexa, sendo construído no segundo cuarto do século XIV substituíndo a un anterior con ábsida de estilo románico. A construción do novo coro planeouse como primeiro paso dunha gran reconstrución do edificio; porén, por algunha razón, semella que os construtores quedaron sen fondos e o resto do plan nunca se executou (de aí a forma pouco común da igrexa). Un destino semellante é bastante común en moitas das igrexas de Gotland, xa que a rexión pasou por unha recesión económica a finais da Idade Media.
Arquitectura A igrexa mantén gran parte do aspecto das primeiras igrexas de Gotland; é bastante escura, as fiestras son pequenas, o teito é chan e de madeira, e os portais son estreiros. Un dos elementos que máis destacan do seu interior son varios frescos nas súas paredes. Estes representan a dous santos e probablemente foron executados por un artista ruso (posiblemente de Staraja Ladoga) xa que son de estilo ruso-bizantino. A igrexa ten tamén unha pía bautismal realizada polo escultor anónimo Byzantios a mediados do século XII, e unha cruz triunfal feita no século XIII. O retablo é de estilo barroco e realizado por artistas locais.
Galería de imaxes
Notas
Garde