Boyan Slat, nado en Delft o 27 de xullo de 1994, é un inventor e emprendedor neerlandés. É estudante de Enxeñaría Aeroespacial. Os seus pais son croatas da rexión de Istria.
Traxectoria Slat creou proxectos de enxeñaría e construción dende que tiña 2 anos. Á idade de 14 anos, conseguiu un récord Guinness cando lanzou 213 foguetes de auga de xeito simultáneo.
Interese na contamiación dos plásticos En 2011, cando tiña 16 anos, Slat atopou máis plásticos que peixes durante unha sesión de mergullo en Grecia. Consagrou un proxecto do instituto para investigar en profundidade a contaminación que o plástico xeraba nos océanos e por qué se consideraba imposible limpialo. Tempo despois, xurdiu a idea de construír un sistema pasivo que empregase as correntes mariñas ó seu favor. Presentou o proxecto durante un faladoiro TED en Delft en 2012.
Slat abandonou os seus estudos en Enxeñaría Aeroespacial na Universidade de Tecnoloxía de Delft para investir todo o seu tempo no desenvolvemento do seu novo proxecto. Fundou The Ocean Cleanup en 2013, e pouco despois, a súa conferencia en TED converteuse nun fenómeno viral.
"A tecnoloxía é o axente máis potente de cambio. É un amplificador das nosas capacidades humanas", dixo Slat para The Economist.
The Ocean Cleanup En 2013, Slat fundou a entidade sen ánimo de lucro chamada The Ocean Cleanup, da que é agora CEO. O obxectivo de The Ocean Cleanup é desenvolver tecnoloxía avanzada que axude a eliminar os plásticos do océano. Logo da súa fundación, The Ocean Cleanup conseguiu 2,2 millóns de dólares a través dunha campaña de financiamento colectivo na que colaboraron 38 000 doantes de 160 países. En xuño de 2014, The Ocean Cleanup publicou un estudo de viabilidade composto de 528 páxinas sobre o potencial do proxecto. É unha versión 2.0 do estudo.
Dende os comezos de The Ocean Cleanup, a organización conseguiu 31,5 millóns de euros en doazóns de emprendedores en Europa e en Silicon Valley, incluíndo a Marc Benioff, CEO de Salesforce. Boyan Slat estima que, coa creación de novos deseños e cuns custos mínimos, nun prazo de 5 anos limparase por completo a illa de lixo do Pacífico. O proxecto comezará a mediados de 2018 coa instalación dun dos sistemas e progresivamente iranse engadindo o resto dos sistemas até que se acade a implantación completa en 2020.
Galardóns e recoñecementos En novembro de 2014, Slat foi galardoado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente co premio Campións do Planeta. En 2015, o rei Harald V de Noruega concedeule o premio de mozos emprendedores. Forbes incluíu a Slat na súa lista de 206 de 30 mozos menores de 30 anos. Slat foi escollido como Thiel Fellow (membro de Thiel). O programa comezou en 2011 grazas a Peter Thiel, investidor e cofundador de Paypal. Concede 100.000$ a emprendedores menores de 22 anos que pospoñen os seus estudos para traballar na súa nova empresa. En febreiro de 2017, Reader's Digest sinalou a Boyan Slat como Europeo do Ano.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial
Categoría:Nados en 1994 Categoría:Nados en Delft Categoría:Inventores dos Países Baixos Categoría:Inventores de Croacia