O rei Amador foi rei dos angolares e líder da revolta de escravos que tivo lugar en 1595 nas illas africanas de San Tomé e Príncipe. Segundo algúns documentos históricos Amador era un escravo que fuxiu e mobilizou a todos os angolares, que xunto con outros africanos, crearon unha nación libre no medio das illas.

Historia da orixe dos angolares

Hai diferentes versións sobre a orixe dos angolares, que habitan o sur da illa de San Tomé. A máis difundida entre os angolares é que eran escravos africanos traídos probablemente de Angola, e que sobreviviron a un naufraxio a poucos quilómetros da costa. Unha segunda versión sostén que eran escravos que se liberaron dos seus donos sobre 1470, cando os portugueses descubriron as illas, e que crearon unha nación libre chamada Quilombo ou Kilombo. Outra versión é a de que os angolares eran africanos do continente, que migraron cara ás illas moito antes da chegada dos portugueses.

A revolta dos escravos O 9 de xullo de 1595, Amador e o seu pobo, os angolares, aliados con outros escravos africanos das plantacións, internáronse no bosque e loitaron contra os portugueses. Dise que ese día, Amador e os seus seguidores, izaron unha bandeira fronte aos colonos e proclamaron o rei Amador como rei de San Tomé e Príncipe, facéndoo el mesmo como "Rei Amador, liberador de todos os negros".

Entre 1595 e 1596, a illa de San Tomé foi dirixida polos angolares, baixo o mando do rei Amador. O 4 de xaneiro de 1596 foi capturado e enviado a prisión, e máis tarde executado polos portugueses.

Legado Hoxe en día o rei Amador é recordado e considerado un heroe nacional nas illas. Dende o ano 2005, o 4 de xaneiro é festa nacional como homenaxe a Amador.

Unha imaxe súa está representada nos billetes do país. Trátase dunha creación do artista Pinásio Pina, pois non existen retratos reais de Amador.

En 2004, durante o Ano internacional de Conmemoración da Loita contra a Escravitude e a súa Abolición, o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, Kofi Annan, inaugurou unha estatua do rei Amador en San Tomé e Príncipe.

Un dos principais equipos de fútbol do país leva o Rei Amador no nome, a Unión Deportiva Rei Amador.

Notas

Categoría:Personalidades de San Tomé e Príncipe Categoría:Escravitude Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Finados en ano descoñecido