Lucretia Mott, nada en Nantucket, Massachusetts o 3 de xaneiro de 1793 e finada en Cheltenham, Pensilvania o 11 de novembro de 1880, foi unha defensora dos dereitos da muller, pioneira dentro do movemento feminista que pasou á historia, entre outros motivos, por participar na organización da Convención de Seneca Falls que daría como resultado a Declaración de Seneca Falls .

Traxectoria Naceu no seo dunha familia cuáquera, sendo a segunda de sete irmáns. Os seus pais eran Thomas Coffin e Anna Folger, o seu pai era capitán dun baleeiro e a súa nai dirixía a explotación agrícola familiar.

O pensamento cuáquero vai ser determinante na formación das súas ideas, especialmente a igualdade ante Deus que predica devandito movemento relixioso. Ós trece anos, ingresou na "Nine Partners Quaker Boarding School", un colexio cuáquero onde recibiu educación e onde máis tarde exerceu como profesora.

O 10 de abril de 1812, contraeu matrimonio con James Mott, outro profesor da súa escola, con quen tivo seis fillos, morrendo o primeiro ós cinco anos. En 1821 o matrimonio trasladouse a Filadelfia e ela foi nomeada predicadora do grupo cuáquero local.

O contexto de loita pola abolición da escravitude nos Estados Unidos e a marxinación da muller en todos os aspectos da vida pública e profesional, marcou o seu pensamento, todo isto, enmarcado na comunidade cuáquera.

Sufría de dispepsia, cousa que non lle impediu levar a cabo o seu labor como activista. Debido ó activismo pola abolición da escravitude do matrimonio Mott, a súa casa converteuse no centro do movemento anti escravista de Filadelfia e nunha etapa do "Ferrocarril subterráneo", unha ruta de escape dos escravos fuxidos.

O 11 de novembro de 1880, á idade de 87 anos, morreu na súa casa de Cheltenham (Pennsylvania) vítima dunha pneumonía. Foi enterrada no cemiterio cuáquero Fairhill, no norte de Filadelfia.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en 1793 Categoría:Finados en 1880 Categoría:Personalidades do cristianismo dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en Nantucket, Massachusetts