Carmen Penim é o nome artístico de Carmen Pérez Fernández, nada en Covas (Os Blancos) o 2 de setembro de 1965, é unha profesora, compositora, cantante, produtora e representante artística galega. Formou con Maurizio Polsinelli o dúo 2naFronteira. Traxectoria Pasou os seus primeiros anos na terra do pai en Meaus (Couto Mixto) na raia con Portugal. Tamén viviu nos Países Baixos nos primeiros anos. É licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en didáctica da lingua oral pola UNED. Estudou canto lírico en Italia tres anos e no 2011 empezou os seus estudos de canto lírico e jazz e de didáctica do canto.
Entre 2007 e 2013 ocupou unha praza de ensino do español como lingua estranxeira en Italia. Foi profesora de Lingua Castelá no IES A Paralaia de Moaña de onde se trasladou ao IES María Soliño de Cangas de Morrazo. Impartiu cursos de técnica vocal para distintos sectores.
É xuíza honoraria do Couto Mixto e forma parte do proxecto “Referentes galegas” de difusión de mulleres profesionais galegas de todos os ámbitos, que quere servir de difusión e ser referente para as nenas e mozas. Está comprometida con causas como a igualdade, a loita contra a violencia de xénero e contra a ablación feminina, a memoria histórica, o veganismo e o ensino. Colabora con AECC, GaliciaAme, centros de día e residencias de persoas maiores.
O 14 de agosto do 2023 estreou o himno á Virxe do Xurés, na propia capela da virxe arraiana, obra que lle foi pedida polo historiador Xosé Lamela Bautista, quen lle facilitou textos da tradición oral do Xurés para que compuxese a música e lle puxese a voz.
Traballos de 2naFronteira 2naFronteira é un dúo composto por Carmen Penim e o pianista romano Maurizio Polsinelli, o dúo creouse no 2008, cando ambos os dous inician a súa andaina xuntos en Italia, onde Carmen estaba a estudar canto.
Discografía Humo en los ojos. Italia, 2011. Alma (CD), 2013 Zapatiños para Díaz Castro (CD), 2014. Quince poemas musicados. Sons de Nós (CD), 2015. Arredor de Nós. Concerto sobre a Xeración Nós polo seu centenario.
Proxectos Federico García Lorca. Amando en galego, 2011. Os Seis poemas galegos musicalizados. Os olhos de Pessoa. Autopsicografía, 2014. Seis poemas de Fernando Pessoa musicalizados. A voz da pedra, 2015. Concerto para as igrexas, a recuperación do harmonio de igrexa para uso concertístico a través do proxecto. Rosalía de Castro, 2017. Poemas de Cantares gallegos musicalizados.
Traballos de Carmen Penim
Discografía
Herdeiras. Muller, identidade e memoria (libro-CD), 2017. Editorial: Areosa; ISBN: 978-84-697-4670-7. Textos propios e doutras poetas galegas. Pretende con este proxecto visibilizar ás mulleres heroínas do 36 e contén unha curtametraxe de Margarita Ledo. Nas pezas déixase sentir claramente o jazz. Cantos de terra e sal (CD), 2020. Homenaxe á máis profunda tradición galega.
Obra literaria
Poesía Cambio versos por champaña (2011). Torremozas, Madrid. En castelán.
Guías A corazón aberto. Aprendendo a ser (2025). Noia: Toxosoutos. Audio libro con 12 auto-meditacións guiadas en galego e castelán. ISBN 979-13-990202-3-6.
Infantil
A fraga de Pasacorrendo (2022). Noia: Toxosoutos. ISBN 978-84-125915-4-5. Con audiocontos e cancións.
Premios No ano 2016 foi recoñecida como Xuíza honoraria do Couto Mixto. Gañadora dun premio Opinión da Música de Raíz pola mellor adaptación dunha peza tradicional en 2021 polo tema Aí vén o barco do mare.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Web de Carmen Penim Carmen Penim no Facebook 2naFronteira no Facebook Canle de YouTube de Carmen Penim Entrevista na Radio Galega
Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Nados en 1965 Categoría:Profesores de educación secundaria Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela