Şafak Pavey, nada en Ankara o 10 de xullo de 1976, é unha diplomática, columnista e política turca que forma parte da Grande Asemblea Nacional de Turquía en representación da provincia de Istanbul e do Partido Republicano do Pobo. Foi a primeira muller con discapacidade elixida para o parlamento de Turquía, cargo que ocupou ata a súa dimisión en setembro de 2017. En 2012 foi elixida membro do Comité dos dereitos das persoas con discapacidade da ONU, que vixía a aplicación da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade para o período 2013-2016. Durante 2018 traballa como asesora na Rede global de líderes políticas (Women Political Leaders Global Network). Foi honrada polo Departamento de Estado dos Estados Unidos no 2012 co Internacional Women of Courage Award.

Traxectoria É filla dun coñecido periodista e escritor. Mudouse a Suíza para vivir co seu marido e estudar arte e cine. En 1996 Pavey perdeu o seu brazo esquerdo e a súa perna esquerda nun accidente de tren en Zürich. Un ano despois mudouse a Londres para continuar coa súa educación. Estudou relacións internacionais na Universidade de Westminster e na London School of Economics completou os seus estudos de posgrao.

Entre 2003 e 2010, Safak traballou para o Alto Comisionado das Nacións Unidas para as persoas refuxiadas. Desenvolveu a súa actividade en torno ás relacións externas e á axuda humanitaria en países como Alxeria, Exipto, Irán, Líbano, Iemen e Siria. Traballou como portavoz de ACNUR para Europa Central en Hungría e máis tarde como xefa da secretaría do organismo de tratados de dereitos humanos da ONU.

Foi columnista do semanario bilingüe armenio-turco con sede en Istanbul Agos e é autora de tres libros. Ademais, levou a cabo proxectos coa Universidade de Harvard, a Real Academia de Artes de Londres e o Consello Noruegués de Deseño sobre deseño inclusivo/universal e persoas desprazadas.

Escribiu en colaboración coa súa nai, a xornalista Ayşe Önal, o libro 13 Numarali Peron (literalmente en galego Plataforma número 13) que narra a súa experiencia en relación ó accidente de tren. Este libro converteuse nun éxito de vendas en Turquía.

Despois de quince anos vivindo no estranxeiro, Pavey regresou a Turquía no 2011 e presentouse para un escano no parlamento pola provincia de Istanbul polo Partido Popular Republicano (CHP). Abandonou o seu posto de secretaria da Oficina do Alto Comisionado da ONU polos dereitos humanos para ocupar o seu cargo de deputada, sendo deste xeito a primeira muller discapacitada do parlamento turco. Mantívose nas listas da candidatura do CHP para as eleccións xerais de novembro de 2015. Pavey dimitiu como membro do parlamento o 15 de setembro do 2017, alegando motivos de saúde.

Ademais, é membro do Comité de adhesión Turquía-UE, do Comité Parlamentario Mixto UE-Turquía, da Asemblea Parlamentaria Euro-Med para a Unión do Mediterráneo, do Subcomité Euro-Med de Enerxía, de Auga e Medio Ambiente, e Vicepresidenta e membro dos Grupos de Amizade Parlamentarios turcos con Corea do Sur e Noruega. Posteriormente foi designada como unha dos vicepresidentes do CHP, responsable da política ambiental e social.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade

Ligazóns externas

Páxina web persoal(en turco e en inglés)

Categoría:Nados en Ankara Categoría:Nados en 1976 Categoría:Políticos de Turquía